Centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. As persoas que finalicen o programa con éxito recibirán o certificado de profesionalidade.
O Concello iniciou o procedemento de selección das 15 persoas que participarán na nova acción formativa para desempregados (AFD) que se vai impartir na Laracha en próximas datas e que estará centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A iniciativa ponse en marcha en colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
O plan formativo constará dun total de 528 horas. Incluirá prácticas en empresas e tamén dereito a bolsa de estudos para os participantes. Os alumnos que finalicen o programa con éxito recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a formación cualificada completa na materia obxecto da formación.
As persoas que estean interesadas en realizar esta acción formativa para desempregados poden solicitar formar parte do procedemento selectivo no departamento municipal de Emprego acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha, chamando ao 981612811 ou enviando un correo electrónico a emprego@alaracha.es.



