A intervención, cun investimento de 530.000 euros, inclúe melloras na accesibilidade, renovación de redes e modernización do alumeado público
O Concello da Coruña comezou as obras de reurbanización da rúa Rafael Alberti, no primeiro treito comprendido entre a praza Luis Seoane e a rúa José Bernárdez Miñones, no barrio de Elviña (1ª fase). A intervención enmárcase dentro do Plan de Barrios 2025–2027, que contempla investimentos para mellorar a calidade de vida nos distintos distritos da cidade.
As actuacións previstas supoñen unha inversión de 530.000 euros e terán unha duración aproximada de seis meses. Durante este tempo, o treito afectado permanecerá cortado ao tráfico rodado, se ben se garantirán os accesos a garaxes, vivendas e servizos de emerxencia.
O proxecto contempla a mellora integral da accesibilidade na contorna, coa renovación das beirarrúas e do pavimento, a substitución das redes de abastecemento e saneamento, e a modernización do sistema de alumeado público mediante luminarias LED de alta eficiencia enerxética.
Esta actuación compleméntase coa recente creación dunha área biosaudable entre as rúas Rafael Alberti e Antonio Machado, que contará con equipamentos de ximnasia ao aire libre, novo mobiliario urbano e zonas de estancia, consolidando un novo espazo de benestar ao servizo da veciñanza.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta actuación “forma parte da estratexia municipal para mellorar a calidade de vida nos barrios a través de espazos públicos máis accesibles, sostibles e pensados para as persoas”. Díaz subliñou que “as obras en Rafael Alberti permitirán modernizar as infraestruturas e gañar en comodidade, seguridade e mobilidade para a veciñanza de Elviña”.
No marco do compromiso coa mellora progresiva dos barrios da cidade, o Goberno de Inés Rey aposta por recuperar o espazo público, impulsar a mobilidade sostible e reforzar a calidade de vida. A reurbanización da rúa Rafael Alberti encaixa neste modelo de cidade que se está a consolidar nos últimos anos: unha Coruña máis accesible, próxima e pensada para as persoas.