· A actuación, que solucionará os problemas de desbordamentos en épocas de choiva, conta cun orzamento de 25.000 euros.
· O proxecto inclúe a creación dun novo espazo de parada de curta duración para facilitar aos veciños a parada de autobús da N-VI.
O Concello de Bergondo puxo en marcha as obras de mellora na rede de pluviais na zona de Sobre a Igrexa, na parroquia de Guísamo. Esta actuación ten como principal obxectivo poñer fin aos problemas que viñan rexistrando neste punto durante as épocas de choiva, evitando así os episodios de desbordamento da escorrentía sobre a plataforma viaria.
O proxecto, que conta cun orzamento de 24.776,29 euros, consiste na execución dun novo colector principal de PVC. Esta nova canalización completarase coa construción de cinco pozos de rexistro e a instalación de nove sumidoiros distribuídos estratexicamente para optimizar a recollida das augas pluviais. Así mesmo, procederase á cancelación de dous sumidoiros da rede antiga.
A intervención non se limita unicamente á mellora da drenaxe subterránea. Aproveitando estas obras, o Concello acometerá tamén o acondicionamento das marxes da calzada. Para iso, pavimentaranse os bordos do camiño co fin de ampliar o espazo transitable.
Ademais, o proxecto contempla a creación dun espazo específico de parada de vehículos por tempo limitado (máximo 15 minutos). Esta nova zona busca facilitar aos veciños o intercambio entre distintos modos de transporte, dada a proximidade deste vial coa parada de autobuses situada na estrada nacional N-VI. Este espazo estará debidamente sinalizado tanto con pintura viaria amarela como con sinalización vertical.
Unha vez finalizada a instalación das novas canalizacións, procederase á reposición do firme asfáltico nas zonas afectadas.



