HomeA CoruñaO Concello inicia o trámite de exposición pública sobre as modificacións ao...

O Concello inicia o trámite de exposición pública sobre as modificacións ao documento do Plan Especial do Camiño Francés despois dun intenso diálogo coa veciñanza

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, acompañado da arquitecta do Consorcio de Santiago, Lourdes Pérez Castro, presentou en rolda de prensa as modificacións ao Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago PE-3. Este plan ten como obxectivo favorecer, ordenar e xestionar as accións de protección, conservación, rehabilitación, mellora e desenvolvemento do Camiño Francés e dos seus elementos urbanos, rurais e territoriais asociados.


A Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou este luns a apertura dun novo trámite de información pública de dous meses sobre as modificacións incorporadas ao documento reformado do Plan especial de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés, elaborado polo Consorcio de Santiago de Compostela e presentado no Concello o día 17 de novembro de 2025. Durante este período, as persoas interesadas poderán consultar o expediente e formular as alegacións que estimen oportunas sobre o contido das modificacións propostas.

En rolda de prensa este mércores, o concelleiro de Urbanismo explicou que o plan especial é froito dun intenso diálogo que comezou en xullo de 2023. Nesa altura, apenas un mes da chegada do novo goberno, lembrou Lestegás, iniciouse un proceso de diálogo coa veciñanza por indicación expresa da alcaldesa, Goretti Sanmartín, para compatibilizar a protección do patrimonio cultural coas necesidades que habitan o territorio. No marco dese diálogo, tiveron lugar distintas comunicacións e encontros para escoitar, anotar e explicar, a primeira delas en xuño de 2023 e a última, en outubro deste mesmo ano.

Iago Lestegás lembrou que o Camiño Francés é un ben que forma parte do Patrimonio Mundial –que acaba de celebrar os 40 anos– e está declarado como Ben de Interese Cultural (BIC). “É, polo tanto, un espazo de gran valor patrimonial que require protección. Pero é tamén un territorio onde vive xente, e por tanto, o desafío é compatibilizar a protección patrimonial coas necesidades vitais da veciñanza para que poida seguir sendo un espazo habitado e habitable. E nisto se centraron os nosos esforzos, os do goberno e os do Consorcio, nestes dous anos e medio”, manifestou.

Informes sectoriais

Durante a súa comparecencia ante os medios, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda explicou, así mesmo, que o documento conta cos informes sectoriais preceptivos, de forma que ata 13 organismos autonómicos e estatais o fixeron entre 2022 e 2025. Concretamente, o Plan Especial conta con informes sectoriais da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ministerio de Defensa, ADIF e Dirección Xeral do Sector Ferroviario, AENA e Dirección Xeral de Aviación Civil, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Montes, Augas de Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

Durante o longo proceso de tramitación deste plan especial, que ten a súa xénese en 1993 coa declaración como Patrimonio Mundial do Camiño por parte da Unesco, tamén hai que ter en conta que houbo modificacións normativas autonómicas que fixeron mudar o propio documento. Ademais, o plan chegou a estar aprobado inicialmente, pero foi rexeitado pola veciñanza da Sabugueira e recibiu máis de medio cento de alegacións. Froito deste diálogo intenso e tamén das modificacións normativas, e tras incorporar as cuestións correspondentes para dar cumprimento aos informes sectoriais, o resultado é un documento con cambios substanciais. Isto é o que propicia que agora se sometan estas modifcacións a exposición pública antes de elevar a aprobación inicial do documento ao órgano correspondente, neste caso, a Xunta de Goberno Local.

Flexibilización dos elementos desconformes

Entre as modificacións que se incluíron, lestegás explicou que se axustaron, ao máximo posible á realidade física existente, as aliñacións e as liñas de edificacións ás parcelas catastrais e os muros consolidados, unha das reclamacións da veciñanza.

Outra das cuestións que se tivo en conta e que forma parte destas modificacións é que se flexibilizan as determinacións sobre elementos desconformes. En todo caso, a adecuación (ao plan) é obrigatoria nas actuacións xerais no edificio cuxo custo supere o 50% do valor catastral (incluíndo obras de rehabilitación, pero excluíndo as de conservación e mantemento).

Ademais, a supresión é obrigatoria en actuacións parciais sobre elementos desconformes en edificios catalogados que excedan a conservación e mantemento.

Edificios catalogados

Lestegás indicou que o plan recolle que, en edificios catalogados, priorízanse as estruturas de madeira, pero se permiten outras solucións estruturais biapoiadas.

Unha das cuestións más relevantes é a referida á habitabilidade e responde, tamén, a ese diálogo coa veciñanza. Así, en edificios catalogados de pouca altura permítese incrementar ata 50 centímetros, pasando na ordenanza residencial tradicional (RT) de 6 a 6,5 e na residencial extensiva (RE) de 3 a 3,5 metros (edificacións auxiliares). “Increméntase lixeiramente para dar máis posibilidades de habitabilidade”, destacou o concelleiro.

En edificacións novas e non catalogadas nas ordenanzas RT e RE, as carpinterías exteriores serán de madeira pintada ou aluminio lacado. Aínda que a solución preferida é o uso de contras interiores, tamén se admite o uso de persianas interiores da mesma cor que as fiestras.

Paneis solares e fotovoltaicas

O plan permite instalar paneis solares, pero como explicou o concelleiro, estipulouse unha orde de preferencia: paneis solares exentos na parcela; na cuberta das edificacións auxiliares e na cuberta da edificación principal; no faldrón menos visible desde o Camiño (evitando as edificacións catalogadas).

Tamén poderán colocarse instalacións eólicas pequenas ou mixtas eólicas e fotovoltaicas, neste caso, exentas na parcela se non interfiren cos elementos estratéxicos protexidos.

Outros requisitos

Ademais do establecido no Regulamento da Lei do Solo de Galicia, as novas edificacións en solo rústico teñen que cumprir distintos requisitos: as cubertas serán inclinadas (20-28 graos) con faldróns continuos; as fachadas cumprirán as Normas estéticas do plan; os muros de contención terán unha altura máxima de 1 metro; os peches e valados serán preferentemente vexetais; e os peches de fábrica terán unha altura máxima de 0,60 metros.

E finalmente, establécese una regulación de usos, a única cuestión neste eido que se modifica nesta tramitación. Deste xeito, non se poderá utilizar unha parcela en solo rústico para estacionamento de vehículos e maquinaria; instalación de elementos móbiles para uso residencial ou aloxamento (contenedores, caravanas…); e piscinas, coa excepción de que sexan auxiliares dun uso ou actividade principal (sexa vivenda, equipamento ou establecemento hoteleiro ou turístico) ou as permitidas nun plan especial de dotacións.

Publicacións Relacionadas