● Sandra Insua presentou no stand de Turespaña o cartel e o vídeo promocional da trixésimo cuarta Mostra do Encaixe.
● O lema deste ano, ‘Un mar de piques’, busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.
● Tanto o cartel como o vídeo están feitos por veciñas e veciños de Camariñas e da Costa da Morte, nunha aposta do goberno local polo talento da terra.
● “Representan perfectamente o que é Camariñas: un equilibrio entre o esfuerzo e a beleza, entre o mar e a terra, entre o pasado e o futuro”, destacou a alcaldesa.
A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra do 22 ao 26 de xaneiro en IFEMA (Madrid) foi outro ano máis o lugar escollido polo Concello de Camariñas para presentar a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruñas e, á vez, afianzar o municipio como destino turístico de referencia en Galicia.
Na presentación, realizada no stand de Turespaña, deuse a coñecer o cartel e o vídeo promocional da trixésimo cuarta edición da Mostra, que se celebrará do 17 ao 20 de abril baixo o lema ‘Un mar de piques’, unha mensaxe que busca salientar a forte conexión que existe na vila entre o mar e o encaixe, a natureza e a tradición.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “sempre estou moi orgullosa dos carteis e os vídeos que traemos aquí para promocionar o noso municipio e a nosa tradición pero esta vez faime unha ilusión especial presentárvolo”. “Representan perfectamente o que é Camariñas: un equilibrio entre o esforzo e a beleza, entre o mar e a terra, entre o pasado e o futuro”, destacou.
“Non só estamos promovendo un evento, estamos celebrando unha forma de vida. Ao unir a nasa e a almofada de palillar, símbolo do traballo diario e da creatividade, quixemos capturar a esencia do que significa ser camariñán”, explicou.
A rexedora salientou que “tanto o vídeo como o cartel están feitos integramente por persoas de Camariñas e da Costa da Morte, quen mellor que a nosa xente para falar de nós. Persoas con talento que amosan que, desde o noso recuncho, como fixeron no seu momento as palilleiras, podemos crear produtos dun valor incalculable”.
“Como moitos saberdes, Camariñas é un paraíso. É a palabra que atopamos para describir dun mellor xeito unha beleza de tal calibre. Camariñas está feita de encaixe e tamén é mar, valente e fermoso, é terra, con praias infinitas e paisaxes impoñentes, todo bañado por un ceo de estrelas que nos permitiu ser destino Starlight e sempre vixiados polo noso gardián: o faro Vilán, lenda do noso pobo”, indicou.
Insua fixo aproveitou a súa intervención no stand de Turespaña para presentar a camiseta oficial da trixésimo cuarta edición da Mostra, que este ano volve a ser obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, e na que, facendo referencia ao slogan, represéntase un mar de piques.
‘Un mar de piques’ en Semana Santa
Como nos últimos anos, tamén se presentou en FITUR o cartel e o vídeo promocional da XXXIV edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará en Semana Santa, do 17 ao 20 de abril baixo o lema ‘Un mar de piques”.
O obxectivo que se buscou durante o proceso creativo destas pezas foi reflectir, nun relato visual, o esforzo e a beleza dos dous piares fundamentais da vila, o encaixe e o mar, tecendo unha narrativa que fala do traballo diario, da dedicación e do amor pola terra, destacando as mans que coidan, crean e transforman.
O guión do vídeo, liderado polo camariñán Diego Alonso Freire, desenvólvese ao redor dunha parexa real de Camariñas: ela, Silvia Tedín González, administrativa e palilleira; el, Sergio Vidal Campaña, patrón e armador dunha embarcación de baixura. As súas rutinas, cheas de esforzo e dedicación, serven como reflexo das vidas de moitas outras persoas do concello. A peza culmina cunha imaxe simbólica que representa a unión entre o mar e o encaixe: unha nasa e unha almofada de palillar entrelázanse nun só obxecto, unha verdadeira declaración de amor á cultura camariñana.
A gravación buscou capturar a beleza dos escenarios que ofrece o municipio. Cada plano foi coidadosamente pensando para mostrar recunchos significativos da vila de Camariñas, desde a estatuta da palilleira ata o Museo do Encaixe, as letras de benvida de CAMARIÑAS, as tendas de encaixe e o porto pesqueiro, combinados con escenas reais da faena no mar.
Para dar vida a esta idea, a ilustradora Laura Suárez foi a encargada de crear o cartel. Veciña de Cee e recoñecida internacionalmente, Laura capturou con mestría o espírito da Mostra. A súa obra non é só un cartel, senón unha peza de arte que une o tradicional e o contemporáneo, destacando a fusión perfecta entre a almofada e a nasa, como símbolo da simbiose entre o mar e a terra.
Os xeniais músicos camariñáns, os irmáns Fran e Carlos Barcia Trashorras, crearon unha banda sonora que é moito máis que un acompañamento. A súa composición combina as ondas do mar co son dos bolillos. Ademais, Carla Valiña, camariñana de Buría, puxo a súa voz ao proxecto para locutar ao final do spot o slogan do mesmo: ‘Camariñas, un mar de piques’.
A alcaldesa sinalou que “A XXXIV Mostra do Encaixe seguirá na liña dos últimos anos, apostando pola innovación e integración do encaixe nas diferentes artesanías galegas ademais dos desfiles de moda coa presenza dalgúns dos mellores deseñadores e deseñadoras do país e tamén das promesas do mundo do deseño co concurso de jóvenes deseñadores”.
A soprano Soledad Vidal, banda sonora da Mostra
Durante a súa intervención, Sandra Insua anunciou que “este ano na Mostra contaremos cunha invitada moi especial, a coñecida soprano Soledad Vidal, veciña de Camelle, que, xunto co pianista Aurelio Viribay, presentarán o seu recital ‘Cantares Atlánticos’”.
A través da poesía galega e de imaxes evocadoras, as cancións -como “María Soliña” ou “Lela”- van trenzando diferentes historias de superación. O público acompañará ós intérpretes nunha viaxe conmovedora na que se fai homenaxe a todas esas mulleres que, máis alá da dor e a perda, constrúen as súas vidas con valentía; o retrato dunha Galicia, dun pobo que é capaz de mirar a súa sombra, a súa “Negra Sombra”, para poder celebrar a vida.