O proxecto, centrado na eficiencia enerxética, presenta un orzamento de 171.400 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Xunta de Galicia.
O Concello ten en licitación o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión. A intervención, valorada en 171.400 euros, conta para o seu cofinanciamento co apoio da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas destinadas á realización de obras de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais, contribuíndo así a facer posible unha actuación estratéxica para a mellora dos servizos públicos locais.
O edificio alberga actualmente dous espazos diferenciados: o centro médico e as dependencias destinadas ao tecido asociativo da localidade, que son empregadas por diferentes colectivos do tecido asociativo caionés.
O proxecto ten como finalidade principal mellorar o comportamento enerxético do inmoble e incrementar o confort térmico no seu interior. Para iso, actuarase de maneira integral sobre a envolvente do edificio, que na actualidade presenta importantes deficiencias de illamento que provocan perdas de calor e un alto consumo enerxético, especialmente durante os meses de inverno.
Entre as actuacións previstas destaca a instalación dun sistema de illamento térmico exterior (SATE) nas fachadas, o que permitirá reducir de forma significativa a transmisión térmica. Ademais, reforzarase o illamento da cuberta con materiais de alta densidade, contribuíndo a manter unha temperatura interior máis estable ao longo de todo o ano.
Tamén será substituído o actual sistema de calefacción baseado en radiadores eléctricos por un de aerotermia con bomba de calor, máis eficiente e respectuoso co medio ambiente, que permitirá tanto a calefacción como a refrixeración dos espazos. Complementariamente, instalaranse radiadores de auga con válvulas termostáticas que facilitarán a regulación individualizada da temperatura en cada estancia.
Estas melloras permitirán unha redución moi significativa da demanda enerxética do edificio, cun impacto directo tanto na diminución do consumo como na mellora das condicións de uso para as persoas usuarias. En termos globais, suporá un salto cualitativo na eficiencia e sustentabilidade dun equipamento fundamental para a vida social, sanitaria e comunitaria de Caión.
Coa licitación destas obras, o Concello dá un novo paso no seu compromiso coa modernización das infraestruturas públicas e coa aposta por un modelo máis sostible, eficiente e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas que desexen optar á adxudicación permanecerá aberto ata o 16 de abril.



