A preinscripción en liña deberá realizarse entre o 16 e o 30 de marzo a través do portal web do Consistorio
O Concello confirmou hoxe a cantidade de novas prazas dispoñibles en cada unha das Escolas Infantís Municipais (actualmente oito repartidas pola cidade). O total de vacantes xeradas este ano é de 412, repartidas nos tres cursos (0-1 anos, 1-2 anos e 2-3 anos).
O último curso é o que máis prazas xerou, con 158, seguido do segundo curso, con 134 e do primeiro, con 120. A distribución por centros é a seguinte:
– Arela: 61 prazas (16 en 1.º, 23 en 2.º e 22 en 3.º)
– Monte Alto: 44 prazas (8 en 1.º, 13 en 2.º e 23 en 3.º)
– Os Cativos: 45 prazas (16 en 1.º, 10 en 2.º e 19 en 3.º)
– Luis Seoane: 57 prazas (8 en 1.º, 29 en 2.º e 20 en 3.º)
– Caracola: 40 prazas (16 en 1.º, 10 en 2.º e 14 en 3.º)
– Carricanta: 60 prazas (16 en 1.º, 23 en 2.º e 21 en 3.º)
– Os Rosales: 62 prazas (24 en 1.º, 16 en 2.º e 22 en 3.º)
– Agra do Orzán: 43 prazas (16 en 1.º, 10 en 2.º e 17 en 3.º)
Terán carácter preferente aquelas solicitudes de praza das persoas proxenitoras, titores/as legais ou representantes legais nas que concorra algunha das seguintes circunstancias:
– Menores que se van matricular por primeira vez e que conten cun irmán ou cunha irmá escolarizado para o curso 2026-2027 nalgunha das escolas da REIM.
– Os fillos e fillas do persoal que presta servizos na escola infantil, coa condición de que existan prazas vacantes na escola infantil na que desexen matricular ao menor.
Así mesmo, as prazas reservadas por urxencia social, por dárense algunhas das seguintes
circunstancias:
– Menores tutelados ou en situación de garda por parte da Administración autonómica competente.
– Fillas e fillos de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero.
– Menores que se atopen nun contexto sociofamiliar de risco social e que requiran unha intervención inmediata.
Todas as situacións enumeradas anteriormente deberanse acreditar documentalmente para xustificar o carácter preferente mediante a presentación da correspondente documentación.
Os requisitos, en cada caso, pódense consultar no portal municipal a través desta ligazón.
Para solicitar unha nova praza, o alumnado deberá ter unha idade mínima de 3 meses o día de comezo do curso escolar e non ter cumpridos os 3 anos o 31 de decembro de 2026. Con todo, poderanse eximir do requisito do límite de idade de 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo coa normativa vixente e co establecido nas bases.
Tamén será necesario que o menor estea empadroado con algunha das persoas proxenitoras ou, se fose o caso, co titor legal. Para determinar o domicilio tomarase como referencia o do solicitante. Todas as persoas interesadas en obter unha praza deberán presentar unha preinscrición a través da ficha específica de “Solicitude de praza curso 2026-2027”, dispoñible nesta ligazón. A preinscrición en liña deberase realizar entre o 16 e o 30 de marzo de 2026.



