HomeA CoruñaA CoruñaO Concello organiza o programa educativo “Visita o teu mercado” para fomentar...

O Concello organiza o programa educativo “Visita o teu mercado” para fomentar a alimentación saudable entre o alumnado de Primaria

- Anuncio -spot_img

A iniciativa achegará o funcionamento dos mercados municipais ao alumnado de Primaria e promoverá hábitos de vida saudables e consumo responsable

O Concello da Coruña vén de sacar a licitación o servizo para desenvolver o programa educativo “Visita o teu mercado”, unha iniciativa dirixida ao alumnado dos primeiros ciclos de Primaria que busca fomentar unha alimentación saudable e o consumo responsable desde idades temperás.

Impulsado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), o programa estrutúrase en sesións formativas nas que as crianzas visitarán mercados municipais da cidade, participarán en talleres didácticos sobre alimentación e desfrutarán dunha degustación de produtos frescos. As actividades combinarán contidos educativos e lúdicos para que os nenos e nenas coñezan de preto o funcionamento dun mercado, aprendan a identificar alimentos de tempada e comprendan a importancia de apoiar o comercio local.

Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, sinalou que “esta proposta é unha oportunidade para educar en valores de saúde e sostibilidade ao tempo que se fortalece o vínculo da comunidade escolar cos mercados da cidade”.

Renovación do sistema de xeo no mercado de San Agustín

En paralelo, o Concello acometerá nos vindeiros meses a renovación do sistema de xeración e almacenamento de xeo do mercado municipal de San Agustín, unha infraestrutura compartida polas praceiras e praceiros que se atopa xa ao final da súa vida útil.

A nova instalación inclúe un xerador de xeo en escamas cunha capacidade diaria de 2.500 kg, un sistema de almacenamento con capacidade para 1.000 kg, sistema de transporte automático por sinfín, e unha unidade de frío independente con condensación por aire. Tamén se inclúe o subministro de controladores, instalación eléctrica, e adaptación da sala onde irá situada a nova máquina .

O orzamento base da actuación é de 154.791,02 euros e o proxecto será cofinanciado ao abeiro do programa de axudas para a dinamización dos mercados municipais de Galicia. Esta mellora responde á previsión de incremento da actividade comercial no mercado unha vez se incorporen novos postos, e enmárcase na estratexia municipal de modernización das prazas de abastos, con vistas á obtención do distintivo de Mercado Excelente de Galicia.

Publicacións Relacionadas