A iniciativa contará con preto de 50 casetas de artesanía, gastronomía e actividades infantís e busca dinamizar o centro da cidade durante as festas
Inés Rey: “Este mercado será un punto de encontro para a cidadanía e un apoio ao comercio e á hostalaría local durante a campaña de Nadal
O Concello da Coruña ultima os preparativos para a celebración dun mercado de Nadal ao estilo centroeuropeo, que se instalará na praza de María Pita entre o 28 de novembro e o 2 de xaneiro, cun total de arredor de 50 casetas destinadas á venda de produtos típicos de Nadal, artesanía, gastronomía e decoración.
O mercado, que se inspira nos tradicionais formatos europeos destas datas, adaptarase á identidade local e estruturarase en distintas zonas: unha área de artesanía e venda de produtos navideños, unha zona de restauración con pérgolas e mesas e un espazo central dedicado ao público infantil, que incluirá unha caseta tematizada como a casa de Papá Noel en Laponia e unha programación específica de actividades para nenas e nenos.
O horario de apertura será de luns a xoves en horario de tarde, e os venres, sábados, domingos e vésperas de festivo en horario de mañá e tarde.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia deste proxecto dentro da programación do Nadal na cidade: “Queremos ofrecer unha experiencia única que contribúa a encher de vida a praza de María Pita durante estas datas, cun mercado de Nadal pensado para gozar en familia e que suporá tamén unha oportunidade de dinamización para a contorna”.
O Concello informa de que os comerciantes e hostaleiros da cidade contarán con condicións especiais para participar. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a comercio@coruna.gal
O mercado de Nadal enmárcase dentro da programación festiva municipal, que incluirá outras propostas culturais e de lecer para todos os públicos.



