· O proxecto conta cun orzamento de 65.803 euros.
· Está enmarcado dentro da estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e conta cunha subvención da Xunta de Galicia.
O Concello de Bergondo iniciou a execución do proxecto de acondicionamento e recuperación ambiental dunha parcela do polígono industrial, que permitirá crear un bosque atlántico de uso público. Trátase dunha actuación enmarcada dentro da estratexia de conservación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e conta cun orzamento de 65.803 euros, financiado cunha axuda da Xunta de Galicia.
O obxectivo do Concello é converter esta parcela nun pulmón verde que combine recuperación ambiental, biodiversidade e usos sociais. O proxecto contempla: eliminación de especies exóticas invasoras e recuperación de vexetación autóctona propia do bosque atlántico; restauración ecolóxica do terreo para favorecer a presenza de fauna local e polinizadores; creación de espazos de lecer e educación ambiental, con carreiros adaptados, zonas de observación e áreas de descanso; e a mellora da paisaxe do polígono, xerando unha contorna máis amable que favoreza a convivencia entre actividade industrial e medio natural.
A actuación busca incrementar a calidade ambiental do municipio e reforzar a conexión ecolóxica entre as áreas naturais da contorna, a ría e o tecido urbano e industrial. Desde o Concello destacan que este proxecto supón “unha aposta clara pola transición ecolóxica, a mellora paisaxística e o benestar de toda a veciñanza de Bergondo”.
O futuro bosque atlántico será un espazo accesible, pensado para o goce de familias, centros educativos, traballadores do polígono e visitantes, e permitirá avanzar cara a un modelo de municipio máis sostible e equilibrado.



