Estas rutas guiadas serán nos meses de marzo, abril e maio en San Agustín, Eusebio da Guarda e Elviña, con punto de partida desde a Lonxa
O Concello da Coruña ven de deseñar tres novas experiencias exclusivas para dar a coñecer a actividade dos seus mercados municipais e poñer en valor os produtos pesqueiros capturados pola flota local. Trátase de rutas guiadas que ofrecerán información de relevancia acerca da tradición mariñeira da cidade de forma interactiva e educativa, sendo unha experiencia completa para todos os sentidos.
“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos fomentar o consumo de produto local e dos nosos mercados a través de diferentes iniciativas, como estas rutas ou a creación dun selo distintivo como é Peixe da Lonxa da Coruña”, indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados. O punto de partida de todas elas será a Lonxa da Coruña, unha das lonxas máis importantes en descargas de peixe fresco, tamén a nivel estatal e europeo. As persoas asistentes, debidamente acreditadas, poderán coñecer o seu funcionamento e vivir a poxa en directo, unha oportunidade única para coñecer a industria pesqueira dende dentro.
Os percorridos tomarán despois diferentes camiños para chegar aos mercados municipais, un paseo por lugares emblemáticos da cidade mentres se imparten conceptos sobre artes de pesca, sostibilidade ou como se garante a frescura e calidade dos produtos ata chegar ao punto de venda. O destino será en cada ruta un mercado da cidade, onde se destacarán os seus aspectos diferenciais. Os propios praceiros e praceiras participarán informando aos grupos sobre o seu traballo diario e o produto en venda.
Para finalizar, ofrecerase unha degustación especialmente elaborada para a ocasión con produto pesqueiro local, incluíndo bocados tanto tradicionais como innovadores. Culmínanse así estas rutas mariñeiras onde se acompaña ao peixe e marisco dende o mar á mesa.
Estas son as rutas e as datas de celebración de cada unha:
∙ Ruta 1 – Lonxa > Xardíns Méndez Núñez > Mercado San Agustín Xoves 13 de marzo
A Coruña vista desde o seu deseño, arquitectura e patrimonio cultural, co Mercado de San Agustín como exemplo da súa evolución urbanística e modernidade.
∙ Ruta 2 – Lonxa > Efectos Navais Pombo > Mercado de Eusebio da Guarda Xoves 10 de abril
A Coruña, coa súa rica tradición pesqueira, ve no Mercado de Eusebio da Guarda unha testemuña histórica, onde a pesca local segue sendo protagonista.
∙ Ruta 3 – Lonxa > Parque de Oza > Mercado de Elviña
Xoves 15 de maio
A Coruña como cidade cómoda e funcional, e o Mercado de Elviña reflectindo esta esencia co seu deseño práctico, ideal para o comercio local e próximo.
A inscrición xa está aberta para todas aquelas persoas interesadas en participar, con prazas limitadas. Atoparán o enlace de inscrición na web do Concello da Coruña, no apartado de Mercados. Poderán informarse tamén a través das redes sociais de Mercados Coruñeses.
O Concello organizará paralelamente visitas con escolares de diferentes centros educativos da cidade para achegar á infancia nesta experiencia, adaptando as actividades á súa idade. O Goberno de Inés Rey quere amosar que os mercados municipais seguen a ser espazos de encontro social e comercial para as coruñesas e os coruñeses. Ademais de gardiáns da tradición pesqueira, son o verdadeiro corazón da cidade que latexa cada día.
O Concello da Coruña é beneficiario dunha axuda concedida ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e da Acuicultura 2021-2027, e concretamente para o GALP Golfo Ártabro Sur ó que pertence o Concello da Coruña.