HomeA CoruñaA CoruñaO Concello presenta a publicación da revista Follas Novas que explora a...

O Concello presenta a publicación da revista Follas Novas que explora a pegada coruñesa de Rosalía de Castro

- Anuncio -spot_img

O número, que conta coa colaboración do Goberno de Inés Rey, xa está dispoñible en formato físico e dixital

A Fundación Rosalía de Castro e o Concello da Coruña presentaron esta tarde na Asociación Cultural Alexandre Bóveda o último número da revista Follas Novas de estudos rosalianos, que se centra na relación da autora con Portugal, aínda que tamén inclúe artigos doutra temática, como a presenza da familia Murguía Castro na Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey queremos preservar e divulgar os fortes vínculos de Rosalía de Castro coa cidade da Coruña e esta colaboración coa súa Fundación permitirá facelo e espallar entre a cidadanía dito coñecemento”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, durante a presentación. Tamén participaron nesta presentación Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o académico Xosé Luís Axeitos, director da publicación, e Pilar García Negro, do consello de redacción da revista.

Trátase da primeira vez que o Concello colabora con esta publicación da Fundación Rosalía de Castro. O número 9 da revista de estudos rosalianos conta con numerosos artigos arredor da relación de Rosalía de Castro con Portugal, asinados tanto por investigadores portugueses coma galegos, desde o retrato da autora por José de Brito, unha biografía inédita, a homenaxe no Porto en 1954 e a última que tivo lugar en 2024 polo setenta aniversario.
“Rosalía é unha figura esencial na historia do noso País, tanto desde a perspectiva da defensa da nosa identidade colectiva como dos valores de igualdad representados polo feminismo”, indicou Castro.

Entre as contribucións doutra temática destaca o artigo da musicóloga Margarita Viso sobre a pegada de Rosalía na Coruña, onde residiu brevemente entre 1871 e 1875, mais que foi a cidade elixida polo súa familia logo do seu pasamento. O sentir cidadán polas figuras de Rosalía e de Murguía plasmouse en diversas ocasións e en diversos ámbitos.

Follas Novas conta entre os seus contribuidores a investigadores de Portugal (José André Ponte da Luz e Isabel Cristina Mateus), Arxentina (Irene Jones) e Galicia: Anxos García Fonte, Xurxo Martínez, Olivia Novoa e María Jesús Botana, entre outros. Dito número da revista Follas Novas xa está dispoñible en versión física en librarías especializadas e en versión dixital na páxina web da publicación.

Publicacións Relacionadas