A proba celebrarase o 31 de decembro e xa supera os 3.000 inscritos
O CPA Maxia será homenaxeado nesta edición pola súa traxectoria no deporte local
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no Salón Real do Palacio Municipal, xunto co concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, a XVI edición da San Silvestre Coruña, unha das citas máis destacadas do calendario deportivo e social da cidade, que se celebrará o 31 de decembro. No acto participaron tamén o organizador da carreira, David Iglesias, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, representantes das entidades colaboradoras e patrocinadoras, así como do CPA Maxia, que será homenaxeado nesta edición.
A proba xa supera os 3.000 inscritos e continúa aberta. O 43 % das persoas anotadas son mulleres, e destaca a ampla participación de nenas e nenos entre os 3 e os 12 anos, así como a presenza de maiores de 70. Trátase dun evento aberto a todas as idades, con categorías infantís, Marcha Nórdica, equipos de empresa e mesmo a opción de correr acompañados de cans na modalidade CanSilvestre.
A carreira será tamén un impulso para o turismo local: máis do 15 % das persoas inscritas proceden de fóra da provincia da Coruña, incluíndo participantes de distintas comunidades autónomas e de máis de 30 países, entre eles Italia, Venezuela, Irlanda, México, Afganistán, China, Francia ou Estados Unidos. Unha proba que, ademais de deportiva, contribúe á proxección exterior da cidade.
Como novidade, o evento amplía a súa programación coa I Regata San Silvestre Coruña, que se celebrará o 28 de decembro en colaboración co Real Club Náutico da Coruña. A carreira é, ademais, un dos eventos deportivos subvencionados polo Concello da Coruña, no marco do seu apoio ao deporte de base, á inclusión e ao fomento de hábitos saudables.
Durante a presentación, a alcaldesa subliñou que “a San Silvestre representa como poucas actividades o espírito da Coruña: unha cidade aberta, participativa e solidaria, que vive o deporte como un espazo de encontro e celebración colectiva”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor “o traballo conxunto de clubs, entidades e patrocinadores, que converten esta cita nun exemplo de cohesión social, participación e saúde”.
O Concello recoñecerá este ano ao CPA Maxia, club de patinaxe artística da cidade con máis de tres décadas de historia e numerosos éxitos a nivel autonómico e estatal. Entre os seus logros máis recentes destacan as patinadoras coruñesas Marta Fraga, campioa da Copa de Europa na categoría cadete, e Martina Alonso, subcampioa na categoría infantil. A súa traxectoria é símbolo do compromiso co deporte base e cos valores da constancia, o esforzo e a igualdade.
A San Silvestre mantén tamén o seu espírito solidario, colaborando nesta edición con entidades como Reyes Magos de Verdad, a Cociña Económica —a través da Asociación O Silbato—, Bolboretas e o Club Auga Dragon Boat, en apoio a persoas afectadas por cancro de mama.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar activamente nesta carreira xa tradicional, que pecha o ano con deporte, solidariedade e orgullo coruñés.



