Ascenderán a 10.880.000 euros, cifra lixeiramente inferior á do curso pasado.
O Goberno local presentou hoxe na reunión da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas o proxecto de orzamentos municipais para este ano, cuestión que, tras ser ditaminada, será elevada ao Pleno extraordinario que se celebrará o próximo martes para proceder á votación e, de ser o caso, aprobación das contas.
Os presupostos están marcados por unha política de xestión económica responsable dos recursos, unha clara orientación cara a protección social, o impulso do investimento en infraestruturas e equipamentos municipais e a baixa carga fiscal para a cidadanía larachesa.
Como dato global, o orzamento xeral do 2025 será lixeiramente inferior ao do ano anterior, nos que foran os presupostos máis altos na historia do Concello. Situarase nos 10.880.000 euros, equilibrados en gastos e ingresos, o que supón un 0,82 % menos que en 2024, circunstancia motivada principalmente porque no exercicio pasado se recollían subvencións de capital para actuacións de investimento que xa se levaron a cabo.
O capítulo dos gastos en bens correntes e servizos lévase o 62 % do total dos orzamentos, cun aumento notable de preto do 12 % con respecto ao ano anterior. O incremento da importancia tanto relativa como absoluta deste apartado explícase polas necesidades que implica a conservación das infraestruturas, a cobertura en programas sociais, laborais, formativos, culturais e deportivos de interese para a cidadanía, e factores que supoñen un encarecemento na prestación de servizos, tales como a inflación e o incremento do prezo das fontes enerxéticas. A pesar da sólida base económica, o Goberno municipal é consciente do desafío que supón para as administracións locais este aumento dos custes de servizos básicos como o subministro eléctrico, o ciclo integral da auga ou a recollida de residuos, e o proxecto de orzamentos xerais logra equilibrar esas presións sen comprometer a calidade na prestación.
A pesar das dificultades do contexto económico xeral, non se renuncia ao obxectivo do desenvolvemento cun capítulo de investimentos reais no que se consignan os fondos para proxectos chave en diferentes departamentos municipais, tanto en infraestruturas como en equipamentos. Así, un total de 640.000 euros terán por destino a achega económica municipal para esta anualidade das obras de ampliación do punto limpo e da reforma da Casa do Concello, o desenvolvemento do plan municipal de conservación e mellora da rede viaria e a adquisición de camas articuladas e de equipos informáticos para o departamento de Servizos Sociais.
Un ano máis vólvese reflectir o firme compromiso do Concello co comercio municipal, estando prevista a posta en marcha de iniciativas que dinamicen a economía local e que sexan xeradoras de oportunidades a través dos programas de formación para o emprego. Tamén co tecido asociativo, con subvencións directas a entidades culturais, deportivas e educativas que xogan un papel esencial na vida comunitaria, así como aos deportistas máis destacados a título individual. E cos estudantes de calquera nivel por medio das axudas á escolarización.
O capítulo de persoal é similar ao do curso anterior, cunha consignación de crédito que recolle o incremento do 2,5 % das retribucións actuais en previsión dun futuro acordo marco cos sindicatos durante o ano actual.
Como é habitual na xestión do Executivo local de José Manuel López Varela, esta proposta orzamentaria foi elaborada atendendo á realidade actual do concello da Laracha, co fin de dar resposta ás necesidades e inquedanzas da veciñanza e cun enfoque cauteloso tanto na previsión dos ingresos como na dos gastos. As contas poñen de manifesto o compromiso social na xestión e a vontade de conciliar o benestar cidadán cunha ampla cobertura en servizos cos obxectivos da sustentabilidade económica e a garantía de manter unha situación financeira saudable que permita seguir investindo no futuro do municipio.