A programación recolle un Club de Lectura e tres obradoiros, dos cales un será de formación en ferramentas sociais e dous de cultura
O Concello programa actividades no Espazo Diverso, sito no Centro Cívico da Cidade Vella, durante todo o mes de novembro. O Goberno de Inés Rey reafirma así o seu compromiso coa visibilidade e o apoio á comunidade LGTBI+, proporcionando un espazo seguro e enriquecedor para compartir, aprender e celebrar a diversidade.
En concreto, do 13 e 29 de novembro levarase a cabo un Club de Lectura. Nesta actividade, as persoas asistentes descubrirán lecturas que abordan a realidade e as experiencias do colectivo LGTBI+. Este mes, o libro proposto será “La mala costumbre” de Alana S. Portero. A actividade será guiada por Mariele de Almeida, técnica do Espazo Diverso, e desenvolverase en horario de 19.00 a 20.30 horas.
Do 19 e 26 de novembro realizarase un obradoiro baixo o título “Acompañar na diversidade: Familias diversas, contornas de apoio”, de 17.30h a 20.30 horas. O obxectivo é desenvolver ferramentas que fomenten relacións respectuosas e saudables nas familias, libres de violencias LGTBIfóbicas. Será impartido a cargo de Mariele de Almeida, técnica do Espazo Diverso.
A este obradoiro sumaranse dous de carácter cultura. O primeiro, de acuarela experimental, terá lugar o 21 de novembro de 18.00 a 20.30 horas. Estará dirixido por Leidy Silva, quen ofrecerá a oportunidade de conectar coa creatividade e experimentar coa acuarela para explorar novas formas de expresión e autenticidade persoal. A programación remata o 27 de novembro con “Permórmatica”, de 18.00h a 20.00 horas. Será unha actividade de baile e expresión corporal a cargo de Alexandra Marte, cantante e educadora, guiará un obradoiro centrado na exploración das emocións a través do corpo empregando o voguing como principal ferramenta de expresión.
As persoas interesadas en participar nas actividades poden contactar con Espazo Diverso a través do correo electrónico espazodiverso@coruna.gal ou chamando ao 981 189 889. É importante destacar que, en caso de necesidades específicas para a participación, recoméndase contactar cun mínimo de 48 horas de antelación.