HomeA CoruñaO Concello propón unha nova regulación para as terrazas e un novo...

O Concello propón unha nova regulación para as terrazas e un novo deseño para as de María Pita

- Anuncio -spot_img

Esta tarde tivo lugar unha reunión informativa no Palacio Municipal, na que se expuxo o borrador da nova ordenanza municipal a asociacións e profesionais do sector

O Concello da Coruña avanza na súa folla de ruta para actualizar a normativa municipal de terrazas, que establece unha nova ordenanza que hoxe lles foi exposta, como borrador, a asociacións e profesionais do sector hostaleiro.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a reunión, concibida como un encontro informativo para avanzar as medidas máis destacadas que se pretenden incluír na ordenanza. Entre elas, o redeseño e adecuación das terrazas da praza de María Pita, unha vez finalizou o prazo de concesión das actuais e cuxo estado de conservación fai necesaria a súa substitución.

Neste sentido, o Concello propuxo un modelo como o que se implantou en Donosti, con estruturas autoportantes e toldos a dúas augas que se poidan despregar e recoller, en ningún caso fixando elementos de instalación nas fachadas. A formulación do Goberno municipal tamén estipula a necesidade de que estes pórticos teñan unha sintonía estética no conxunto da praza e que se aliñen cos piares e con cores monocromáticas, para que María Pita teña unha imaxe de uniformidade e para preservar a unidade estética dunha praza que é un espazo protexido.

Regulación das terrazas que se habilitaron en zonas de estacionamento na pandemia

Tamén hoxe, na reunión desta tarde, se informou o sector hostaleiro de que a futura normativa de terrazas atenderá especialmente á regulación daquelas que se habilitaron en zonas de estacionamento no contexto da pandemia da Covid-19.

Entón, e atendendo á necesidade de evitar os espazos pechados para diminuír o risco de contaxios, facilitouse a instalación de terrazas ao aire libre, tamén ocupando prazas de estacionamento ao aire libre, para apoiar a actividade económica das hostaleiras e hostaleiros tendo en conta a necesidade de adaptarse ás diversas fases de restricións por mor da crise sanitaria.

Agora, máis de dous anos despois de finalizada a pandemia cos seus efectos, o Concello propón un regulamento específico para ese tipo de terraza, que seguirá a se poder instalar en determinados casos e condicións, mais que non será compatible para os/as hostaleiros/as coa terraza na beirarrúa. Será preciso que escollan unha das dúas opcións para minimizar a ocupación de solo público.

Publicacións Relacionadas