Ante as demandas de numerosas familias do colexio Luis Seoane, o Concello dirixiuse á Xunta de Galicia para solicitar que realice as obras de construción dun paso cuberto entre os edificios de infantil e primaria. Os días de precipitacións o alumnado ten que desprazarse entre ambos edificios sen ningún tipo de protección contra a auga.
“Igual que en todos os demais colexios, tal e como informamos ademais estes días en todos os domicilios a través do periódico Vivir en Oleiros, no colexio de Canide fixemos recentemente un montón de obras. Neste momento necesítase un paso cuberto para os nenos e as nenas e nós reclamamos á Xunta que o faga porque é a administración á que lle corresponde”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.



