Evitouse a contaminación de máis de catro millóns de litros de auga e reduciuse en once toneladas as emisións de CO₂.
O servizo municipal de recollida de aceites de cociña usados xestionou nos primeiros dez meses do ano, desde o 1 de xaneiro e ata o 31 de outubro, un total de 3.715 quilos depositados pola cidadanía nos 12 contedores laranxas instalados nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro, en Cabovilaño.
Segundo os datos achegados pola empresa xestora, esta recollida permitiu evitar a contaminación de arredor de 4.086.500 litros de auga, ao impedir que o residuo chegase á rede de sumidoiros. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o aceite recuperado xerou un aforro estimado de 11,14 toneladas de emisións de CO₂.
Por localizacións, na capital municipal recolléronse 2.680 quilos, sendo o contedor situado na confluencia da rúa Rosalía de Castro coa avenida López Astray, á altura do edificio de Servizos Múltiples, o máis empregado pola veciñanza, con 565 quilos depositados. En Paiosaco recolléronse 625 quilos, en Caión un total de 275 e na urbanización Monte Claro outros 135 quilos.
O Concello agradece a colaboración da cidadanía e anima a continuar facendo uso dos contedores laranxas para depositar o aceite vexetal de cociña unha vez usado. Lémbrase que o aceite debe introducirse nos colectores nunha botella de plástico pechada. Este material é altamente contaminante para a auga e dificulta o proceso de depuración, polo que non debe botarse polos desaugadoiros nin polos inodoros coa fin de protexer a rede de sumidoiros e o medio ambiente.



