HomeA CoruñaA CoruñaO Concello recorrerá a decisión do Ministerio de non contemplar a súa...

O Concello recorrerá a decisión do Ministerio de non contemplar a súa alternativa para a supresión do baipás de Infesta

- Anuncio -spot_img

· O Ministerio de Transportes emitiu un informe no que conclúe que ‘A alternativa 5s proposta non resulta viable tecnicamente”.

· Polo momento o organismo estatal mantén a solución inicial que o goberno local considera que “afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e territorio”.

O Concello de Bergondo decidiu recorrer a decisión do Ministerio de Transportes de non contemplar a alternativa proposta polo goberno local para o proxecto de supresión do baipás de Infesta ao concluír que “a alternativa 5s proposta non resulta viable tecnicamente”.

O Ministerio respondeu así ás alegacións presentadas polo Concello ao ‘Estudo informativo para o ramal de conexión entre as liñas de ancho ibérico León – A Coruña e Betanzos Infesta-Ferrol’. O organismo estatal xustifica que a solución inicial “conta cun trazado que cumpre a normativa, non supón problemas futuros na explotación do ramal, non afecta directamente a ningunha vivenda, edificación industrial nin instalación da subestación e ademais conta cun informe de impacto ambiental aprobado”.

Afirmación coa que non está de acordo o goberno local, que considera que esta solución, denominada Alternativa 6, “afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e territorio” mentres que a Alternativa 5s proposta polo Concello é “máis sensata, máis económica e máis xusta”.

O Concello presentará nas próximas semanas, dentro do prazo aberto polo Ministerio, o seu recurso a esta decisión, xa que considera que os argumentos expostos polo Ministerio non se corresponden á realidade xa que “a solución proposta porque afecta gravemente aos nosos veciños e veciñas, ao noso urbanismo e ao noso territorio, sendo altamente daniña contra unha zona concreta e afectada da parroquia de Cortiñán”.

Lembran que ”aínda que a vía non pasa por encima de moitas vivendas déixaas na zona de servidume do ferrocarril, quedando atrapadas e mutilando o urbanismo nunha zona urbanizada xa que non se poderá construír nada nun futuro”. “Están a transformar ese chan en residual, con propiedades devaluadas ou directamente invendibles, algo que nin é lóxico, nin é humano, nin é politicamente admisible para esta administración”, afirman.

Alternativa 5S

A alternativa proposta polo Concello de Bergondo, que denomina ‘5S’, supón unha adaptación dos trazados estudados nas alternativas 5 e 6 da administración estatal. Así, recolle un primeiro tramo xa contemplado na alternativa 5, modificándoo economicamente ao trasladar o entroque coa vía existente para suprimir un primeiro viaduto innecesario sobre a estrada provincial; modifícase a continuación o trazado posterior; e, por último, entróncase co último tramo estudado da alternativa 6.

“Parécenos máis sinxela, máis social, moito máis económica, con menos expropiacións, afastada da zona urbana e afectando só, e de forma pouco destacable, a unha zona industrial”, explican.

Ademais de afastar o trazado das edificacións existentes, coa solución proposta minóranse moito os viadutos. Non sería necesario o primeiro viaduto sobre a estrada DP-0105 xa que a bifurcación da vía realizaríase uns metros máis adiante, en campo aberto. Tan só na zona ocupada por Talleres Suárez e Loureda hai que proxectar un viaduto, máis económico, e tamén unha ponte para cruzar a N-VI.

A conclusión á que chegan desde o Concello é que “con esta solución non se deixan vivendas capadas e atrapadas na zona de servidume do ferrocarril, nin se expropian propiedades privativas de cidadáns, que tampouco ven afectadas polo son do tren, xa que as actuacións trasládanse ás zonas forestais ou industriais, sen afección da paz precisa nos fogares. A solución é más sensata, más económica, e más xusta. O efecto é triplo, o económico, a protección do cidadán e a protección do territorio de Bergondo”.

Publicacións Relacionadas