A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación dos dous lotes correspondentes aos contratos de conservación, que inclúen melloras no referente ao mobiliario urbano, varandas de seguridade e fontes
Tamén se incrementa a partida para acondicionar as calzadas e estradas de titularidade municipal. O Goberno de Inés Rey duplicará o orzamento disposto previamente, que agora pasará a ser de catro millóns anuais
O Concello incrementará un 50% o seu investimento actual no mantemento das beirarrúas da cidade. Así o ratificou hoxe a Xunta de Goberno Local, que aprobou a adxudicación dos dous lotes contractuais que engloban as actuacións na cidade, que suporán un investimento conxunto de seis millóns de euros por ano, durante dous exercicios.
“Este incremento permitirá arranxar 11.600 metros cadrados máis de beirarrúas por ano en toda a cidade”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que apuntou que a formalización do novo contrato supón, na práctica, un pulo ao plan de traballos xa definido para reparar as deficiencias ou melloras requiridas pola veciñanza ou detectadas polo equipo de profesionais do Concello.
Como xa é habitual, o servizo de mantemento e conservación das beirarrúas da Coruña estará dividido en dous sectores, norte e sur, que definen os distritos e as áreas de actuación do persoal de cada empresa adxudicataria. O primeiro será asumido pola UTE, que integran Manuel Rivas Boquete e Erfinco; o segundo, pola UTE, composta por Manuel Rivas Boquete, Jardinería Arce e López Cao.
Entre os aspectos que se tiveron en conta para adxudicar os contratos de mantemento de beirarrúas valorouse, entre outros, o feito de que ambas as UTE estableceron melloras nas
Nota de Prensa
partidas anuais referentes á colocación de mobiliario urbano, varandas de seguridade e fontes de uso público.
A partida destinada á conservación das estradas municipais sobe a 4 millóns por ano
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local rubricou a adxudicación do contrato do servizo para o mantemento, conservación e reparación dos firmes e pavimentos das calzadas municipais, que recolle, ao igual que no caso das beirarrúas, un aumento da partida anual.
“Pasamos de 2 a 4 millóns por exercicio. Isto permitirá aumentar en 72.000 metros cadrados por ano o firme que se repara na cidade. O calendario de actuacións deste ano abrirase xa estes días, coa posta en marcha das importantes actuacións previstas en varios treitos do Paseo Marítimo: da Domus á estrada de Circunvalación e, xa posteriormente, ao longo da avenida Pedro Barrié de la Maza”, explicou Noemí Díaz.
O contrato, adxudicado hoxe en Xunta de Goberno á UTE que integran Canarga e Obras y Viales de Galicia, terá unha duración inicial de dous anos e o orzamento previsto para o mantemento das calzadas municipais neste período será dun total de 8 millóns de euros. Cómpre lembrar, iso si, que o vínculo poderá prorrogarse anualmente outros tres exercicios máis.
Licenza de construción para o único soar baleiro fronte a Pablo Iglesias
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local fixo balance este mércores das licenzas concedidas pola Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, que na primeira quincena de xaneiro deu luz verde a 21 licenzas urbanísticas e 87 comunicacións previas.
Entre os expedientes resoltos máis destacados está o que permitirá construír 46 vivendas no último soar edificable baleiro que hai fronte á praza de Pablo Iglesias, no Castrillón. A parcela en cuestión está situada entre as rúas Bergondo e Sarxento Veiga, onde a promotora ten previsto levar a cabo un investimento de 4,9 millóns para crear un bloque residencial de sete alturas, que incluirá 46 rochos, un local comercial e unha bolsa de estacionamento de 58 prazas.