HomeA CoruñaO Concello renova 63 puntos de luz no primeiro tramo da Rolda...

O Concello renova 63 puntos de luz no primeiro tramo da Rolda de Outeiro

- Anuncio -spot_img

“Con esta obra, o tramo comprendido entre a avenida do Ferrocarril e a avenida do Exército muda a súa paisaxe nocturna cara a unha iluminación máis confortable, saudable e respectuosa coa noite”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey
O Concello renova a iluminación pública do primeiro tramo da Rolda de Outeiro, entre a avenida do Ferrocarril e a avenida do Exército, con 63 puntos de luz novos. A obra, que concluíu esta semana, contou cun orzamento municipal de máis de 230.000 euros e supuxo un paso máis na modernización da iluminación pública da cidade, que neste caso contaba con máis de 25 anos de antigüidade.
“Con esta obra, o primeiro tramo da Rolda de Outeiro muda a súa paisaxe nocturna cara a
unha iluminación máis confortable, saudable e respectuosa coa noite”, sinalou a alcaldesa,
Inés Rey, e apuntou que “esta paisaxe nocturna deixa de orientarse ao vehículo para facelo
cara ás persoas”. A rexedora destacou que o Goberno local ten “un compromiso firme coa
xestión responsable e sostible da iluminación pública” do municipio.
Rey lembrou que o obxectivo do Concello da Coruña é “renovar a iluminación pública da
cidade nos próximos tres anos” cunha axuda europea de 12,6 millóns de euros, despois de
que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ratificara o proxecto
presentado polo Executivo local para mellorar a eficiencia da iluminación na cidade.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz
Villoslada, defendeu que “con esta actuación, a Rolda de Outeiro convértese nun caso de
éxito de deseño lumínico e tecnoloxía baixo criterios de sustentabilidade, aliñándose cos
principios da iniciativa Slowlight e respondendo aos máis esixentes criterios de deseño
técnico e avaliación ambiental”. Ademais, redúcese a potencia instalada nun 71,3 %, “co que se acadan valores óptimos en materia de eficiencia enerxética”, matizou Villoslada. Esta obra “será un caso de estudo de xestión ambiental, analizando todos os factores con incidencia ambiental, control da contaminación, residuos, economía circular e ciclo de vida”, engadiu o edil.
Desde o Servizo de Infraestruturas aseguran que con esta renovación das luminarias
elimínase a emisión de luz cara ao hemisferio superior para protexer o ceo estrelado e
minimízase a luz intrusa nas fachadas dos edificios. Emprégase un espectro de luz
respectuoso coa saúde da cidadanía que contribúe a unha menor dispersión da luz perdida
na atmosfera. A xestión do mantemento destes puntos de luz farase mediante códigos QR
que conteñen toda a información sobre cada unha das luminarias.

Publicacións Relacionadas