O Concello requírelle formalmente á empresa que reinicie a obra da rúa García Lorca de xeito inmediato

Redacción

A alcaldesa deu conta este venres en rolda de prensa de cuestións de actualidade da cidade, entre as que abordou o estado da reurbanización integral da rúa de García Lorca, a seguridade e a mellora das conexións aéreas.

O Concello requírelle formalmente á empresa que reinicie a obra da rúa García Lorca de xeito inmediato

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou hoxe de que o Concello enviou esta semana un requirimento formal á empresa adxudicataria da obra de reurbanización integral da rúa de García Lorca no que lle advirte das consecuencias contractuais dos atrasos.

Así o fixo despois de constatar o incumprimento da data de reinicio prevista, o 1 de xuño, e ante a preocupación pola demora e as súas consecuencias par a veciñanza. Con todo, a rexedora indicou que “hai tempo suficiente para retomar os traballos e que a obra vaia en prazo”, xa que o prazo de execución remata o 22 de abril de 2027.

Goretti Sanmartín lembrou que unha vez asinado o novo contrato o pasado 11 de maio e a acta de reinicio o 25 de maio, as obras poderían comezar inmediatamente en canto a empresa presentase o plan de seguridade, o plan de residuos e o plan de desenvolvemento dos traballos. Engadiu que os dous primeiros documentos están entregados, mais da planificación de traballo só consta por agora un borrador sobre o que a dirección da obra requiriu correccións, non entregadas aínda.

Nese borrador, a empresa prevía recomezar o día 1 de xuño e nas semanas previas producíronse movementos de acopio de materiais. O Concello contactou reiteradamente para requirir o plan de traballo definitivo e realizou unha visita o luns pasado, na que se constatou que a empresa non retomou os traballos.

“Por iso, alén de todos os contactos técnicos, desde a dirección externa e desde a supervisión do departamento municipal, eu mesma falei cos responsables da empresa para recalcar a importancia de que se axilice todo o posible o reinicio”, indicou a alcaldesa, quen reflexionou sobre a frecuencia dos atrasos nas obras públicas e sobre o carácter garantista e burocrático da normativa de contratos, que “non resulta todo o eficaz que debera”.

A esta situación súmanse circunstancias que concorreron nesta obra, como a aparición dunha canalización de fibrocemento do alumeado público que obrigou a modificar o proxecto, cun sobrecusto de 110.000 euros, e paralizar as obras durante a tramitación. Tamén o retraso que supuxo previamente a rescisión do contrato por abandono da adxudicataria na licitación realizada no mandato anterior, así como a infradotación inicial do proxecto deseñado en 2020, que tivo que incrementar o seu orzamento en 250.000 euros.

“Entendemos que a suma de todas estas cuestións esixen moita paciencia por parte da veciñanza, á que lle agradecemos a comprensión”, destacou Goretti Sanmartín. Neste sentido, remarcou a disposición do Concello por manter informados a veciños e veciñas en todo momento, tanto a través da asociación como con reunións con todo o barrio. “Compartimos o seu malestar”, afirmou.

A alcaldesa indicou que o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, está dándolle conta á asociación veciñal de todas as novidades e confiou en que se retome a actividade canto antes.

Conexións aéreas

A rexedora puxo o foco tamén en que, co inicio do mes de xuño, o aeroporto “foi noticia case cada día polo inicio de novas conexións aéreas” e nomeou os novos voos a Nova York, Xerez, Ámsterdam e Cork e o incremento de frecuencias a Dublín ou Frankfut. “Temos neste momento 17 conexións internacionais con 74 frecuencias e cunha diversidade de compañías”, valorou.

Nese sentido, considerou que esta mellora da conectividade do aeroporto compostelán é “o resultado do traballo, intenso e continuado, que se veu facendo desde Turismo de Santiago, en solitario” e volveu demandar coordinación e impulso para o conxunto do sistema aeroportuario galego. “Fronte ao ruído, o que dá resultado é o traballo; un traballo con obxectivos moi claros e compartidos pola maioría da veciñanza: a convivencia e a sustentabilidade do turismo”, valorou.

No tocante ao turismo, aludiu á xuntanza que o Concello impulsou o xoves con Arcebispado e Turismo de Galicia, na que se acordou crear unha comisión técnica para ordenar os fluxos de acceso á Catedral. Tamén á presenza do Concello no encontro sobre turismo organizado polo grupo Galabra, no que se constataron as principais preocupacións da veciñanza e o interese por preservar os valores culturais, patrimoniais e comunitarios “que fan de Santiago un bo lugar para vivir e un bo lugar para visitar”.

Datos de seguranza

Goretti Sanmartín referiuse tamén á cuestión da seguridade na cidade e aludiu ao feito de que a percepción dun sector contrasta cos indicadores oficiais e coa valoración da Comisaría de Policía e da Delegación do Goberno. “A súa valoración é que Santiago é unha cidade segura e a súa indicación é non xerar alarmismo e traballar en sintonía”, indicou a alcaldesa. “Existen dous fenómenos reais e simultáneos: o descenso das cifras de delincuencia e o ascenso da percepción de inseguridade”, constatou.

En consecuencia, a rexedora afirmou que é preferible “acudir ás causas para atallar os problemas” e avanzou que o Concello reforzará a coordinación entre os diferentes departamentos para avaliar e poñer en marcha as medidas que cumpran para traballar pola cohesión social e a convivencia.

Tamén se referiu ao número de efectivos nas rúas. Os municipais pasaron dos 154 que había en 2023 a 166 na actualidade. En canto á Policía Nacional, lembrou que o delegado do Goberno confirmou que se sumarán efectivos. Sanmartín subliñou que Santiago precisa máis dotación na Comisaría.

Comparte este artigo