HomeA CoruñaO Concello rescata a súa memoria cunha nova edición das xornadas de...

O Concello rescata a súa memoria cunha nova edición das xornadas de divulgación A Pobra do Caramiñal no tempo

- Anuncio -spot_img

· O alcalde, José Carlos Vidal, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e Manuel Gago, da Universidade de Santiago de Compostela presentaron o programa.

· As actividades desenvolveranse o sábado, 27 de setembro, e o domingo, día 28.

O Concello rescatará, un ano máis, unha parte do seu patrimonio inmaterial: a súa memoria como pobo. Farao coa celebración das súas Xornadas de Divulgación sobre a Historia e a Cultura Pobrense A Pobra do Caramiñal no tempo. A actividade terá lugar ao longo do sábado, 27 de setembro, e do domingo, día 28, con catro conferencias a cargo de expertos e cunha ruta guiada vinculada cunha das temáticas centrais da convocatoria. O alcalde, José Carlos Vidal, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo e Manuel Gago, da Universidade de Santiago de Compostela, presentaron a que será a oitava edición desta proposta.

Durante a súa intervención, o rexedor lembrou que, ao longo destes oito anos, abordáronse xa 28 cuestións vinculadas coa historia e patrimonio da Pobra. Unha cifra que, tal e como apuntou, chegará “ata aos 32 neste 2025”. Vidal puxo en valor o enorme patrimonio inmaterial do municipio, algo que, segundo recoñeceu, “se ve reflectido na elección dos temas que se tratan nestas xornadas, unha tarefa difícil pola cantidade de fitos históricos de interese”. Na mesma liña, a concelleira de Cultura explicou que estas xornadas divulgativas son xa “unha cita consolidada para os veciños e veciñas da Pobra e tamén para os do resto da comarca”. Lojo subliñou o compromiso do goberno por “continuar traballando para rescatar e recuperar a nosa memoria como pobo”.

Programación

Manuel Gago encargouse de dar conta das distintas propostas que conformarán as xornadas. Nesta ocasión, haberá catro conferencias que se realizarán o sábado, 27 de setembro, entre as 16.30 e as 19.20 horas no Teatro do Cine Elma. En cada unha delas abordaranse tópicos distintos pero todas elas “gardan un nexo en común que é, precisamente, que tratarán memorias inéditas ou perdidas”, explicou.

A inauguración terá lugar ás 16.30 horas, e correrá a cargo do primeiro edil e da concelleira de Cultura. Ás 16.45 horas está prevista a primeira conferencia baixo o título de Tradición, cambio e fantasía nos nomes de lugar da Pobra. Estará dirixida polo investigador Miguel Conde, que sacará á luz os resultados dun traballo de anos nos que se dedicou a recoller topónimos polas distintas parroquias da Pobra. A investigadora en Antropoloxía e Etnografía, Nati Rey, será a encargada de tomar a remuda con Ritos de vida, ecos de morte: a fertilidade e a perda temperá nos cruceiros e na cultura popular (17.25 horas). Na mesma, Rei exporá algunhas das prácticas e costumes cos cruceiros como elementos centrais. Estes elementos usábanse, por exemplo, como lugares para enterrar aos neonatos e eran, ademais, puntos de curación para os nenos e nenas.

Despois do descanso, ás 18.40 horas daráselle paso á terceira conferencia. Nesta ocasión, será o propio Manuel Gago quen exporá As árbores do concello na Pobra do Caramiñal e en Galicia: unha memoria perdida. Como explicou na presentación, estes elementos naturais empregábanse como lugares para a toma de decisións institucionais de calado.

José Manuel Vázquez Lijó, da Universidade da Coruña, será o encargado de pechar a xornada do sábado con Sobre pioneiros pobrenses en facer as Américas (19.20 horas). Vázquez Lijó falará das primeiras migracións no municipio, que datan do século XIX.

O público asistente terá tempo para formular as súas preguntas e facer os seus comentarios aos relatores e, ademais, recibirá un póster de agasallo feito polo ilustrador Leando Lamas.

Calendario do domingo

A Pobra do Caramiñal no tempo concluirá o domingo, 28 de setembro, cunha saída ás 10.00 horas na que o público participante descubrirá os cruceiros, lendas e rituais de San Isidro de Postmarcos. As prazas son limitadas, polo que se require inscrición en bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou no teléfono 981 831 633. As persoas interesadas deberán anotarse antes do mércores, 24 de setembro.

Publicacións Relacionadas