O contrato atópase, actualmente, en fase de licitación cun valor estimado de preto de 50.000 euros.
O Concello reporá un muro de contención e acondicionará a contorna do lugar das Pontes, na parroquia de Posmarcos. Farao cun proxecto que se atopa en fase de licitación e cuxo valor de contrato se achega aos 50.000 euros. A concelleira de Obras, Patricia Lojo, sinala que se trata de obras “esenciais coas que se reforzarán as condicións de seguridade na zona”.
O treito do muro sobre o que se actuará está situado nunha vía que presenta un importante desnivel duns cinco metros con respecto ás fincas lindeiras pola zona sur. Esta diferenza de altura resolveuse, no seu día, por medio da execución dun muro. Porén, a estrutura presenta, na actualidade, un problema de estabilidade, con fendas e un abombamento.
Para solucionar estas deficiencias, o Concello demolerá o treito afectado, duns 24 metros. A continuación, procederá á súa reposición seguindo, para iso, o mesmo sistema construtivo, con muro de perpiaño. As actuacións completaranse coa reposición das escaleiras de acceso á parcela situada no flanco sur.