HomeA CoruñaO Concello reuniu hoxe os consellos sectoriais de Inclusión Social e Saúde

O Concello reuniu hoxe os consellos sectoriais de Inclusión Social e Saúde

- Anuncio -spot_img

Os dous órganos realizaron este luns as súas sesións plenarias ordinarias no Centro Cívico dos Mallos e reforzaron os espazos de participación e coordinación co tecido social

Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, avanzou o impulso do primeiro Plan de inclusión social da cidade e a celebración da segunda Feira de Saúde e Sociedade o próximo 15 de maio

O Concello deu hoxe un novo paso no reforzo da participación cidadá e da coordinación co terceiro sector ao desenvolver as sesións plenarias ordinarias dos consellos sectoriais de Inclusión Social e de Saúde, convocadas no Centro Cívico dos Mallos. Ambas as dúas reunións forman parte do mandato corporativo 2023-2027 e supoñen a posta en marcha efectiva de dous espazos chamados a acompañar o traballo municipal en ámbitos estratéxicos para o benestar da cidadanía.

Na sesión do Consello Sectorial de Inclusión Social, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, puxo o foco na necesidade de contar cun órgano “útil, de diálogo, de escoita e de traballo compartido”, no que Administración e entidades poidan contrastar diagnósticos, identificar necesidades e mellorar a resposta pública municipal ante situacións de vulnerabilidade. A edila subliñou, ademais, que un dos grandes retos desta etapa para o Goberno de Inés Rey será avanzar na elaboración do primeiro Plan de inclusión social da cidade.
“O Consello Local de Inclusión terá un papel fundamental na elaboración do dito plan porque será aquí onde poderemos compartir diagnósticos, identificar necesidades emerxentes, contrastar propostas e incorporar a experiencia acumulada de quen coñece de primeira man a realidade social da cidade”, subliñou Nereida Canosa.

Pola súa banda, no Consello Sectorial de Saúde, Canosa destacou a importancia de consolidar un espazo estable de participación e coordinación arredor dunha visión ampla da saúde, vinculada á prevención, ao benestar, á saúde comunitaria e aos dereitos. Neste marco, lembrou que desde a Concellería xa se comezaron a implementar accións recollidas no Plan de saúde mental, un ámbito que o Goberno municipal considera prioritario pola súa dimensión social e comunitaria.

Durante a súa intervención, a concelleira anunciou tamén que o Concello prevé celebrar, o próximo 15 de maio, a segunda edición da Feira de Saúde e Sociedade, coa vontade de ampliar a participación das entidades e fortalecer este espazo de encontro, visibilización e traballo compartido arredor da saúde e do benestar comunitario.

As convocatorias de ambos os consellos incluían, ademais da intervención inicial da concelleira, as comunicacións previas da Secretaría e a información relativa ao procedemento e aos prazos para presentar candidaturas aos órganos internos previstos nas súas normas de funcionamento, entre eles a Vicepresidencia e as vogalías correspondentes. Deste xeito, o Concello continúa avanzando na consolidación de órganos participativos con continuidade, contido e capacidade real de achega para mellorar as políticas públicas da cidade.

Publicacións Relacionadas