HomeA CoruñaO Concello suma catro novas estacións de BiciCoruña na presente edición da...

O Concello suma catro novas estacións de BiciCoruña na presente edición da Semana Europea da Mobilidade

- Anuncio -spot_img

Hoxe puxéronse en servizo dúas bases: unha entre os Cantóns e a Alameda, e outra en Agrela. O xoves está previsto habilitar a da praza da Concordia e a da rúa Camelias, no Barrio das Flores

Mañá, o salón de actos do IES Eusebio da Guarda acollerá un foro divulgativo sobre a nova Ordenanza de mobilidade sostible, no que tomará parte a concelleira Noemí Díaz

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que o Concello reforzará esta mesma semana o servizo municipal BiciCoruña coa posta en funcionamento de catro novas bases, que ampliarán ata 61 o número de estacións dispoñibles na cidade.

Aproveitando a primeira xornada da Semana Europea da Mobilidade, tanto a rexedora como a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, puxeron en valor os avances experimentados por BiciCoruña desde que se renovou o sistema hai xa tres anos, con máis bases repartidas polos barrios e en paralelo á expansión das vías ciclables pola Coruña, unha rede que actualmente é de máis de 53 quilómetros.

Neste sentido, Rey apuntou á necesidade de poñer en funcionamento máis bases de BiciCoruña atendendo á demanda existente e tamén ao estudo dos fluxos de mobilidade correspondentes ao servizo. Isto é o que sustenta a posta en servizo da nova base habilitada hoxe en Cantóns-Alameda, por ser un punto de chegada e saída moi ligado a desprazamentos laborais.

Un apunte destacado desta nova estación dos Cantóns, que conta con subministro de enerxía solar, é que non esixiu obra civil e os módulos pódense transportar facilmente a outro emprazamento en caso de que sexa necesario. Por iso, e atendendo á futura evolución das obras nos Cantóns, o Concello valorará que esta base pase a prestar servizo na contorna do futuro percorrido de carril-bici. “Mais, por agora, e mentres os traballos non cheguen ao Cantón Pequeno, é necesaria onde está, pola demanda que hai nesta parte da cidade”, explicou Rey.

Incentivar o uso da bicicleta como vehículo alternativo para ir a traballar tamén foi o que motivou a posta en funcionamento dunha nova base na rúa Severo Ochoa, do parque industrial de Agrela, que desta forma xa conta con dúas estacións.

O xoves activaranse dúas bases no Castrillón e o Barrio das Flores

A expansión de BiciCoruña durante a Semana Europea da Mobilidade non rematará hoxe.

Este xoves está prevista a posta en funcionamento doutras dúas estacións que reforzarán o servizo no Castrillón e o Barrio das Flores.

A primeira delas está situada na praza da Concordia e a segunda na rúa Camelias.
Mañá, foro divulgativo sobre a nova Ordenanza de mobilidade sostible

Esta mañá, a praza de Pontevedra acolleu o acto inaugural da Semana Europea da Mobilidade, que continuará ata o vindeiro luns 22 de setembro, con múltiples actividades para todos os públicos.

Neste sentido, a concelleira Noemí Díaz convidou ás coruñesas e coruñeses a asistir mañá ao foro divulgativo sobre a nova Ordenanza de mobilidade sostible, recentemente aprobada no Pleno, e que será exposta este mércores, a partir das 11.00 horas, no salón de actos do IES Eusebio da Guarda.
“Actualizar e adaptar o marco regulador que había supuxo un traballo intenso que pagou a pena, porque agora contaremos cun texto unificado e unha normativa máis clara que non só ten en conta como nos movemos agora pola cidade, senón tamén como o faremos no futuro. E nese futuro, as viandantes, a mobilidade branda e o transporte público compartido deben ser protagonistas”, indicou Díaz.

Publicacións Relacionadas