Home A Coruña O Concello súmase á celebración do 75º cabodano de Castelao e prepara...

O Concello súmase á celebración do 75º cabodano de Castelao e prepara múltiples actividades arredor da súa figura durante 2025

- Anuncio -

Hoxe, 7 de xaneiro, fanse os 75 anos da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no seu exilio de Bos Aires. Médico, pintor, debuxante, escritor, político… Castelao é á vez símbolo e referente dunha Galicia que puido ser e non foi, truncada polo golpe de Estado do 36, onde o seu pensamento segue vivo, aínda que non suficientemente visibilizado.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hai escasos días declarar 2025 como Ano Castelao, dedicándolle a través da Consellaría de Cultura unha programación que, previsiblemente, estará máis enfocada na dimensión creativa do rianxeiro que na súa relevancia como figura clave do Galeguismo, obviando que o Castelao escritor, artista e activista “son un todo indisoluble”, tal e como comenta o alcalde de San Sadurniño, Secundino García.

“Castelao non só foi un artista e escritor, senón tamén un símbolo eterno da loita pola liberdade, a autodeterminación e a dignidade de Galicia. O seu legado político segue vixente e segue inspirándonos na defensa dos dereitos e da cultura galega. Neste momento fai falla reivindicar, quizais máis que nunca, a súa figura e o seu pensamento, posto que todo apunta a que a Xunta fará o posible por ofrecernos durante este ano unha visión parcial, sesgada e intencionadamente descontextualizada na que seguramente se obvien ou se traten moi por enriba partes fundamentais da súa vida e obra, como as motivacións do seu exilio, as denuncias que el fixo dos crimes fascistas ou o seu verdadeiro posicionamento político”, di o rexedor.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño tamén se sumará á celebración do 75º aniversario da morte de Castelao cunha serie de actividades que se programarán ao longo dos próximos meses, “tentando implicar ao tecido asociativo e a comunidade escolar”. Como primeiro acto simbólico, o alcalde asinou esta mañá o seguinte bando:

O domingo 13 de outubro de 1935, Castelao e outros dirixentes nacionalistas cruzan as terras de San Sadurdiño para dar un mitin no campo da feira de Mera de Baixo, en Ortigueira. É o primeiro mitin de Castelao desde o seu regreso no desterro en Badaxoz. A ilusión no nacionalismo galego é enorme. Galiza está escribindo nese momento unha das páxinas máis luminosas da súa historia. A loita pola consecución do Estatuto de Autonomía chega ao cume o 28 de xuño de 1936, data na que o pobo galego aproba en referendo o primeiro estatuto galego da súa historia. Poucas semanas despois Castelao e outras personalidades galegas entregan nas Cortes, para a súa tramitación parlamentaria, o Estatuto recén aprobado en plebiscito. De non se producir o levantamento fascista do 36, toda aquela xeración de xente demócrata, galeguista, lúcida e honesta faría de Galiza, sen dúbida algunha, un país orgulloso da súa identidade, da súa lingua e da súa cultura, próspero e moderno, comprometido coa xustiza social e coa igualdade, unha nación no mundo.

Os fascistas non só asasinaron a milleiros de persoas inocentes, non só cubriron toda Galiza de sangue e de barbarie, senón que nos privaron de ter xa un primeiro goberno galego nos tempos da II República, e ademais presidido por un home da talla política, intelectual e humana de Castelao. Aquel home que estaba destinado a asumir a máxima responsabilidade política das novas institucións galegas e ser o construtor da nación galega desde o Pazo de Raxoi, tivo que vivir os días máis amargos da súa vida e morrer no exilio, non sen exercer en todo momento de principal guieiro do nacionalismo galego, de parlamentario, ministro do Goberno de Giral e Presidente do Consello de Galiza, que viña a ser como un goberno galego no exilio. E tamén, no exilio, en Buenos Aires, publícase en 1944 o Sempre en Galiza, a obra capital do pensamento político de Castelao, onde se reafirma nas súas ideas nacionalistas e na súa defensa dos dereitos que a Galiza lle corresponden como nación. Reler agora ese libro é unha das mellores homenaxes que lle podemos tributar a Castelao.

Tras a ditadura franquista semella que Castelao é de todos. O poeta Celso Emilio Ferreiro xa denunciou no seu momento esa apropiación indebida: “Olla, meu irmáu honrado, / o que acontez con Daniel: / os que o tiñan desterrado / agora falan ben del”.

Desde o Concello de San Sadurniño, a través deste bando, queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse de novo, ou por primeira vez, a Castelao, ao conxunto da súa obra artística, literaria e política. É a única maneira de descubrilo en toda a súa dimensión humana, política e intelectual e de aprendermos a ser cada día máis galegos e máis galegas. O 75 aniversario da súa morte podémolo comezar a conmemorar collendo entre as mans, por exemplo, o Sempre en Galiza. A súa lectura estou seguro que abrirá aínda máis o noso corazón a Galiza e nos dará coraxe para combater calquera manipulación ou apropiación indebida que se faga da súa figura.

Relacionadas

Incendio nunha vivenda da rúa Costa Grande, no Milladoiro, pertencente ao concello de Ames

0
Os bombeiros dos parques Provinciais de Boiro de Ribeira participan desde preto das 16:00 horas desta tarde nun operativo dirixido á extinción dun lume...

Os alcaldes de Carballo e Coristanco participaron nun encontro co alumnado das accións formativas...

0
Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, participaron hoxe nun encontro co alumnado das tres accións formativas para persoas desempregadas...

A Policía Nacional leva tramitados máis de 100.000 DNI e pasaportes dende a apertura...

0
No 2024 descendeu lixeiramente o número de carnés de identidade e aumentou o de pasaportes A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional en...

O Concello de San Sadurniño entrega as cestas da campaña “Polo Nadal, consumo local”

0
O salón de plenos do Concello foi o lugar elixido este ano para entregar os premios da campaña de dinamización do comercio "Polo Nadal,...

Concello oferta dous novos obradoiros de poda e enxerto de árbores froiteiras

0
A inscrición abrirase mañá, é gratuíta e debe formalizarse no Concello ou por teléfono.O Concello oferta dous novos obradoiros de poda e enxerto de...

A biblioteca municipal de Neda reabre ao público renovada este mércores

0
Neda reabre este mércores a súa biblioteca municipal. O centro recupera a actividade, tras dous meses pechado ao público por mor da posta a...

Publicacións Relacionadas