HomeA CoruñaA CoruñaO Concello visibiliza o 25N en Riazor cun lazo humano e a...

O Concello visibiliza o 25N en Riazor cun lazo humano e a lectura do manifesto

- Anuncio -spot_img

A xornada incluíu unha andaina pola costa e un grande lazo violeta na explanada de Riazor, con participación de entidades deportivas, persoas usuarias de programas deportivos, público xeral e membros da corporación

A alcaldesa, Inés Rey, reiterou a demanda dun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual na área da Coruña e lembrou que a programación da campaña “Non hai escusas” continúa nas vindeiras semanas

O Concello da Coruña conmemorou esta mañá o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha andaina e coa lectura do manifesto institucional na explanada do Complexo Deportivo de Riazor. As persoas participantes partiron ás 11.00 h desde a explanada de Riazor e desde o frontón do C.D. A Torre, para atoparse no miradoiro do Matadoiro e rematar formando un grande lazo violeta humano arredor das 12.15 h, como xesto simbólico de apoio ás vítimas e ás superviventes.

No acto participaron representantes das entidades deportivas da cidade, persoas que forman parte das actividades deportivas e comunitarias municipais, público xeral e membros da corporación local. A alcaldesa, Inés Rey, encabezou a lectura da declaración institucional aprobada polo Concello, que condena de maneira expresa todas as formas de violencia machista, incluída a que se exerce contra as crianzas, a trata con fins de explotación sexual e as novas violencias dixitais.

Durante a súa intervención, Rey volveu reclamar con firmeza a posta en marcha dun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual na área da Coruña, ao abeiro da Lei Orgánica 10/2022. “É inxusto que A Coruña siga sen contar cun Centro de Crise 24 horas propio. Esiximos á Xunta que cumpra e dote a nosa cidade dun recurso especializado, próximo e coordinado cos servizos municipais e co tecido asociativo que leva anos traballando con vítimas de violencia sexual”, esixiu Inés Rey. A rexedora lembrou que a cidade xa dispón dun CIM de referencia, recursos de acollida e pisos de transición, “pero falta unha peza clave para completar o mapa de atención e non pode haber territorios de segunda en dereitos”.

A declaración institucional destacou tamén o avance da violencia vicaria, da trata e da explotación sexual, así como o impacto crecente da violencia dixital exercida a través das redes sociais e das aplicacións de mensaxería. O texto alerta da especial vulnerabilidade das persoas menores e de mulleres con discapacidade, maiores ou migrantes, e apela á responsabilidade de todas as institucións para garantir o acceso á protección e á información en condicións de igualdade. “Negar ou minimizar a violencia machista non é unha opinión máis: é deixar desprotexidas ás mulleres e ás crianzas e poñer en risco a convivencia democrática”, sinalou a alcaldesa, referíndose ao avance dos discursos negacionistas.

O acto en Riazor enmárcase na campaña municipal do 25N baixo o lema “Non hai escusas”, que este ano pon o foco na violencia vicaria e na violencia contra as e os menores, na trata e na explotación sexual e na violencia dixital. A programación inclúe, entre outras accións, unha xornada técnica sobre violencia vicaria na Fundación ONCE, o ciclo “Conversas con…” con Amelia Tiganus e Erick Pescador, o espectáculo educativo “Mozas nas redes” nos centros de secundaria, actividades específicas nos espazos de atención á infancia, na Escola Intercultural da UAMI, no Espazo Diverso, nas bibliotecas municipais e nos centros cívicos, así como accións comunitarias no barrio do Castrillón.

Rey agradeceu a implicación das entidades deportivas, do tecido asociativo, do persoal técnico municipal e da veciñanza que se sumou á andaina e á formación do lazo humano. “Cada persoa que hoxe se puxo este lazo violeta está dicindo alto e claro que A Coruña é unha cidade que está ao carón das vítimas e que non acepta nin escusas nin silencios cómplices fronte á violencia machista”, dixo Rey. Ao remate do acto, a rexedora animou á veciñanza coruñesa a sumarse esta tarde ás mobilizacións e manifestacións convocadas polos movementos feministas e polos colectivos sociais, en memoria das vítimas, na defensa dos dereitos das mulleres e das crianzas e no rexeitamento rotundo de todas as formas de violencia machista. “O 25 de novembro tamén se expresa nas rúas: acompañando ás familias das vítimas, defendendo os dereitos conquistados fronte a quen pretende recortalos e dicindo alto e claro que A Coruña é unha cidade que non tolera nin unha soa agresión máis”, apuntou a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas