O conselleiro comprometeuse co alcalde a estudar a posibilidade de colaborar no financiamento da renovación do céspede do campo de fútbol municipal de Cabanetán
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse esta mañá co alcalde de Lousame, Esteban Ares, quen estivo acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo. No encontro abordáronse as principais necesidades do municipio e avaliáronse posibles vías de colaboración no marco do compromiso da Xunta coas entidades locais.
“Teño que agradecer que o conselleiro comprometeuse a estudar a posibilidade de colaborar no financiamento da renovación do céspede do campo de fútbol municipal de Cabanetán (Lesende), así como noutros proxectos que temos pensado para o municipio e que agardamos que se poidan poñer en marcha nos próximos meses”, apunta Esteban Ares. Neste sentido, compre lembrar que o cambio de céspede do campo municipal de fútbol de Cabanetán suporá un investimento de 204.781 euros, do que o 80% será subvencionado a través dunha nominativa concedida pola Deputación da Coruña e os 40.953 euros restantes deberán ser achegados polo Concello de Lousame, que agarda financialos a través dunha aportación por parte da Xunta de Galicia.
Ademais, o alcalde de Lousame aproveitou tamén para agradecerlle a Diego Calvo a súa colaboración noutros proxectos realizados recentemente no municipio como “a construción dos novos vestiarios do campo municipal de fútbol da Silva, nos que fixemos un investimento de máis de 340.000 euros grazas a unha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes”.



