O alcalde, Luís Pérez, presentou o primeiro dos actos que levará cabo o Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello de Ribeira no marco do protocolo asinado o pasado 19 de xuño de 2025.
Pérez Barral comunicou que esta xornada, “e a primeira da colaboración mutua entre as entidades pero a nosa previsión é ter unha programación conxunta de actividades culturais e formativas nas áreas de historia, lingua, literatura, ciencias sociais, etc”. Tamén haberá espazo para cursos, publicacións, conferencias, concertos e coloquios de interese mutuo, intercambio de publicacións, traballos de investigación, intercambio e colaboración de todo tipo de proxectos culturais de interese común, elaboración, edición e distribución de materiais didácticos, de divulgación, formativos e recuperación de fondos documentais.
O rexedor sinalou que a xornada consistirá nunha serie de relatorios que se levarán a cabo o vindeiro xoves día 3 de xullo no Centro Cultural Lustres Rivas a partir das 16:30 horas; “con estes relatorios o que pretendemos é poñer en valor a cultura e a historia mariñeira do noso municipio”.
O programa abordará cinco relatorios con cinco profesionais por tema; o primeiro comezará ás 16:45 horas co título “Os oficios do mar na cultura marítima” no que intervirá, Lino Lema Bouzas do Padroado do Museo do Pobo Galego; ás 17:15 horas “A protección do patrimonio cultural inmaterial na Lei de patrimonio cultural de Galicia” con Manuel Chaín Pérez da Xunta de Galicia; ás 17:45 horas “A carpintaría de ribeira, ben de interese cultural” con Gerardo Triñanes Fernández, representante da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, ás 18:15 horas “A salvagarda do oficio de redeira” con Rosa María Pardo Campaña, redeira, presidenta da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, e para finalizar; ás 18:45 horas, haberá unha mesa de debate co título “A salvagarda dos oficios do mar”, patrimonio cultural inmaterial en Galicia que moderará; Guadalupe Jiménez-Esquinas, antropóloga da Universidade de Santiago de Compostela.
O alcalde tamén falou da importancia da descentralización das institucións “para poder achegar a cultura a toda a poboación”, e matizou que “sabemos que o Consello da Cultura Galega é unha institución –como marca o propio Estatuto de Autonomía de Galicia– que vela polo patrimonio do noso país.
Dende o Concello de Ribeira estamos moi satisfeitos de que a primeira xornada sexa unha relacionada co ámbito do mar”. Informou que o Concello “seguirá colaborando con esta institución ao longo dos vindeiros meses e nos próximos anos”.
Para rematar resaltou a oportunidade que é para Ribeira este protocolo de colaboración “para sumar unha programación cultural de nivel con expertos que nos podan falar de temas moi diversos e neste caso; que mellor que principiar falando da historia mariñeira de Ribeira”.