A corporación municipal aprobará no pleno do luns o suplemento de crédito necesario para facer fronte ao incremento do prezo da luz
O Concello de Carballo pagará este ano 1.514.946,74 euros polo consumo do alumeado público, o que supón 126.245,56 euros ao mes. No orzamento deste ano xa se incluían para este fin 200.000 euros máis que o ano anterior, pero a liquidación realizada pola empresa subministradora, que se basea nos prezos do 2002, incrementa o importe final en medio millón de euros máis. Para facer fronte a esa cantidade, a corporación municipal aprobará no pleno ordinario do luns o suplemento de crédito correspondente.
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, apuntaron que esta cifra non é aínda maior porque grazas ao cambio das máis de 8.000 luminarias da rede de alumeado público a led conséguese un aforro do 80% no consumo. Pero tamén avanzaron que o ano que vén acadarase un gasto récord de 2,5 millóns de euros, xa que o importe calcúlase en relación cos prezos do 2023. Dado que no 2024 baixaron os prezos, a factura municipal volverá reducirse a partir do 2026.
No pleno do luns abordaranse varias cuestións relacionadas cos servizos públicos básicos. De feito, a citada modificación orzamentaria é consecuencia da revisión das tarifas aplicables no contrato administrativo do alumeado público, que tamén será aprobada na sesión.
Así mesmo, na convocatoria figura tamén a revisión do canon pola xestión do servizo de lixo, que se mantén en termos semellantes ao ano pasado. Pero, con respecto a este servizo, a corporación municipal tamén desestimará o recurso de reposición formulado pola concesionaria a raíz da imposición de penalidades aprobada na sesión plenaria do 30 de setembro.
Na presentación dos asuntos do pleno tamén participou o concelleiro de Planificación urbana e Mobilidade, Juan Seoane, xa que outra das propostas que se presentarán na sesión é a actualización da Estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade para incorporar actuacións xa realizadas e introducir novos retos.
O resto dos asuntos, na convocatoria anexa.