· O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, acompañaron esta mañá á deputada de Emprego, Rosa Ana García, durante a súa visita ás instalacións
O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, acompañaron esta mañá á deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, durante a súa visita ao Coworking A Pobra, un dos 12 espazos que forman parte da Rede Provincial de Coworkings impulsada pola Deputación da Coruña ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL).
Actualmente, o coworking do municipio acolle un total de 30 proxectos emprendedores, a maioría deles en fase de incubación, e ofrece ás persoas usuarias zonas de traballo compartido, salas de reunión, conexión a internet de alta velocidade, apoio técnico e actividades de formación e dinamización adaptadas ás necesidades de cada proxecto.
A Rede Provincial de Coworking está distribuída por distintos municipios da provincia e está orientada a promover o emprendemento e apoiar ideas de negocio e empresas de recente creación, facilitando recursos e acompañamento para transformar proxectos en iniciativas empresariais consolidadas.
Amparo Cerecedo puxo en valor o espazo coma un lugar “estratéxico para o emprendemento local, no que as persoas poden compartir coñecementos, experiencias e recursos” e puxo en valor que serve “para compartir maneiras de traballar e poñer en común ideas e proxectos”.
Rosa Ana García interesouse polo funcionamento do centro e polas necesidades das persoas usuarias, e destacou que estes espazos “non só proporcionan infraestrutura, senón que tamén favorecen a formación, a colaboración e a creación de sinerxías entre emprendedores, contribuíndo á dinamización económica local”.
A deputada sinalou que a Rede Provincial de Coworking é unha ferramenta complementaria ás liñas de axuda do Plan de Emprego Local (PEL), xa que ofrece acompañamento técnico, formación e espazos adecuados para que as persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos con maiores garantías.



