O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, tomou parte hoxe no acto inaugural da exposición, que coincide coa celebración, mañá, da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico na cidade
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, participou hoxe no acto inaugural da exposición ‘Historia do Eixo Atlántico’, que estará habilitada na dársena da Marina ata o vindeiro 4 de marzo e que percorre os 34 anos de traxectoria desta entidade transfronteriza.
A mostra, disposta con sete cubos expositivos á beira da dársena, abarca desde o acto fundacional do Eixo Atlántico no ano 1992 —celebrado en Viana do Castelo e apadriñado por Mário Soares, por aquel entón presidente da República Portuguesa— ata a actualidade.
Polo camiño houbo destacados eventos de referencia como o do ano 2015 na Coruña, onde por primeira vez os xefes de Estado de España e Portugal, o Rei Felipe VI e o presidente Aníbal Cavaco Silva, compartiron un acto non institucional. Lage, acompañado hoxe polo secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, puxo en valor o obxectivo da mostra, “que amosa os nosos lazos e sintonía cun país irmán como Portugal”, e que tamén profunda na evolución política de Galicia e do propio país luso, baixo presidentes como Aníbal Cavaco Silva, Jorge Sampaio e Marcelo Rebelo de Sousa.
Además da historia do Eixo Atlántico, a exposición recolle tamén acontecementos de relevancia mundial nas últimas décadas. Entre eles, a caída das Torres Xemelgas e a pandemia da covid-19, entre outros.
A apertura desta mostra abre camiño á celebración da XXXIV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que terá lugar mañá, xoves 19, na cidade herculina.



