Home A Coruña O Entroido de Muxía 2026 sobe o nivel cun concurso de disfraces...

O Entroido de Muxía 2026 sobe o nivel cun concurso de disfraces presentado polo humorista ISI

0
2

O Concello de Muxía vén de presentar a programación do Entroido 2026, unha cita xa consolidada no calendario festivo local que este ano aposta por dar un paso máis na súa proposta lúdica e cultural, incorporando como presentador do Concurso de Disfraces ao coñecido actor e humorista ISI.

O concurso, que terá lugar o sábado 14 de febreiro ás 18.00 horas no Pavillón Municipal, converterase nun dos grandes atractivos desta edición, combinando humor, participación veciñal e tradición, acompañado ademais dunha degustación popular de orellas e filloas.

A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou que “este ano apostamos por subir o nivel do Entroido cun presentador coñecido polo gran público, que garante diversión, dinamismo e unha posta en escena á altura do que merece Muxía”. Vilela subliñou tamén “o carácter participativo dunha programación pensada para todas as idades, desde a infancia ata os grupos e comparsas”.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Javier Sar, puxo en valor a identidade propia do Entroido muxián: “Mantemos a esencia do noso Entroido, combinando novidades con actos que xa son parte da nosa identidade colectiva”. Neste sentido, destacou que “un ano máis remataremos a programación co tradicional e simbólico Enterro do Percebe, unha celebración única que define o espírito festivo e mariñeiro de Muxía”.

O Enterro do Percebe, que se celebrará o mércores 18 de febreiro, incluirá un percorrido do cortexo fúnebre polas rúas da vila, a queima na Rambleta e unha gran chocolatada popular, consolidándose como un dos momentos máis esperados do Entroido.

A programación complétase con bailes de entroido, obradoiros infantís e propostas pensadas para fomentar a participación e o disfrute colectivo. O prazo para todas as inscricións remata o xoves 12 de febreiro.