A veciñanza puido trasladar as súas suxestións e inquedanzas
O goberno municipal de Ribeira reuniuse nesta tarde cos propietarios dos domicilios afectados polo proxecto da construción do carril bici entre Coroso e Palmeira.
Esta infraestrutura partirá do existente no paseo marítimo de Coroso para finalizar á altura do cemiterio municipal da parroquia de Palmeira. Esta vía ciclista discorrerá paralela á estrada AC-305 ao longo de aproximadamente dous quilómetros. No tramo das Saíñas, a beirarrúa e a vía ciclista estarán diferenciados pola rasante, mentres que na recta dirección ao cemiterio estarán ao mesmo nivel, pero diferenciados por cor e sinalización.
Na xuntanza participaron membros do executivo local, presididos pola alcaldesa, María Sampedro, quen, xunto á enxeñeira municipal, Uxía Landeira, expuxeron polo miúdo en que consistirá esta intervención e como lles pode afectar ás vivendas; encontro durante o cal a veciñanza tivo ocasión de trasladar as súas suxestións e inquedanzas. A rexedora tamén anunciou que, para solucionar a supresión dos estacionamentos que ocupan actualmente a beiravía, xa se está tramitando o alugueiro de varias fincas para destinalas a aparcamento disuasorio na contorna do camposanto. Así mesmo, avanzou que se manterá unha reunión coa Axencia Galega de Infraestruturas cara a avaliar a redución da velocidade máxima da vía a 50 quilómetros por hora e implantar medidas de calmado nas interseccións en Caticobas e na Fenosa como, por exemplo, pasos peonís elevados.
Os obxectivos da intervención son a humanización da contorna; acadar un espazo urbano de calidade; ordenación de usos, accesibilidade e mobilidade; e mellora da comunicación.
A Administración local ribeirense continúa así na senda de avanzar cara unha mobilidade sostible, a promoción dun cambio modal á bicicleta e o fomento da vida saudable mediante a mobilidade activa en tódolos ámbitos, implantando así máis carrís bici na franxa litoral máis poboada do municipio.
O orzamento de licitación é de 592.847,45 euros, IVE incluído, no marco dunha subvención da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. O prazo de presentación de ofertas xa rematou a finais do mes de abril e a empresa que resulte adxudicataria disporá de seis meses para executar as obras.

