O executivo municipal deu luz verde á aprobación do expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios cun orzamento base de licitación (IVE engadido) de 379.438,39 euros. Tamén se aprobou a adxudicación do contrato de rehabilitación de firmes en nove rúas da cidade e o inicio dos trámites para a recepción das obras de rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cofinanciado por Fondos Next Generation, e cun coste total de 1.209.712,72 euros. De todos os asuntos tratados pola Xunta de Goberno deu conta esta mañá en rolda de prensa, a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.
O Goberno municipal aprobou esta mañá o expediente de contratación das obras de reparación da cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios cun orzamento base de licitación de 379.438,39 € (base impoñible de 313.585,45 € máis IVE do 21% polo importe de 65.852,94 €) e un prazo de execución de dous meses e medio.
A voceira do Goberno municipal explicou que para realizar esta intervención “abrirase un procedemento aberto simplificado de adxudicación para poder telo todo preparado para comezar a obra xusto o día despois de que remate o curso escolar” e non afecte de xeito negativo ao día a día da escola.
Míriam Louzao detallou que o obxectivo destas obras é solucionar as incidencias relacionadas coas filtracións de auga na cuberta deste pavillón que tamén se emprega como patio do colexio “polo que a incidencia é maior” e recordou que nas últimas semanas tamén se levou a caboo acondicionamento da parcela adxacente ao centro como aparcadoiro provisional. A voceira tamén anunciou que se abrirá unha porta de emerxencia no pavillón para aumentar a capacidade deste espazo.
Rehabilitación de firmes
O executivo municipal aprobou esta mañá o proxecto básico e de execución do proxecto de rehabilitación de firmes de vías urbanas. 2024” por un importe total de 460.004,08 euros e un prazo de execución de catro meses.
As actuacións levaranse a cabo sobre unha superficie de 23.360 metros cadrados e nos seguintes ámbitos urbanos: rúa do Castiñeiriño, rúa de Canteiras do Sar- rúa de Mouronzón, rúa da Muíña-rúa do Porto de Amio e rúa da Mariñeira, rúa das Mulas, rúa do Tambre e rúa dos Irmandiños. As intervencións están previstas para o vindeiro período de primavera-verán por mor das condicións climatolóxicas.
Pavillón de Vite
Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno local tamén autorizou o inicio dos trámites para a recepción das obras de rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cofinanciado por Fondos Next Generation, e cun coste total de 1.209.712,72 euros.
Míriam Louzao recordou que a liquidación das obras de reforma “deste equipamento deportivo tan necesario no noso concello” é posible grazas á aprobación da suplementación de crédito no Pleno municipal do pasado 28 de novembro e detallou que as obras realizadas centráronse na mellora da envolvente do edificio, no selado e refozo da cuberta, no cambio de carpinterías, na construción de novos vestiarios, na adaptación dos baños, e na instalación de novas baixantes e grandes ventanais nunha das fachadas. Tamén se reforzou a iluminación do espazo, aplicouse un tratamento interior antihumidade e de ruído e se renovou o cableado eléctrico co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética deste pavillón.
A concelleira explicou que alén dos fondos Next Generation, tamén se realizarán nos vindeiros meses unha serie de actuacións complementarias con cargo a fondos propios do Concello, que consistirán na instalación dun valado novo para a práctica do hockey, novo mobiliario e no arranxo da pista “para poder abrir o pavillón totalmente renovado”.
Outros obras
O executivo local tamén deu luz verde á contratación das obras de reforma do Centro de Transformación de compañía na rúa Codeseira de Vidán cun orzamento base de licitación de 106.982,95 euros (base impoñible de 88.415,66 €€ máis IVE do 21% de 18.567,29 €).
Ademais, tamén se aprobaron as certificacións finais de varias obras: da soleira de formigón na rúa de Churruchao (aparcadoiro Rocha Vella), realizada por ALCOMTE GALICIA, SL. por unha contía de 3.071,00 euros; da estabilización de noiro no viario da rúa Decoita, realizada por OBRAS Y VIALES DE GALICIA, SL. pola coantía de 21.196,54 euros; da elevación de pasos peonís e rexeneración asfáltica na avenida de Xoán XXIII, realizada por OBRAS Y VIALES DE GALICIA, SL. por un importe de 47.500,00 euros; das actuaciós correctivas da 1 FASE I PMMT no parque de Belvís, acometidas por ALCOMTE GALICIA SL cun orzamento de 46.076,80 euros, e da mellora da drenaxe do aparcadoiro da rúa da Raxeira, realizada por VIAQUA pola contía de 16.280,17 euros.
Outros asuntos
Míriam Louzao tamén detallou que a Xunta de Goberno estimou dez recursos presentados no marco das subvencións concedidas na convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional de 2022, o que supón unha suplementación total das contías para estas entidades profesionais de 48.693,84 euros,
A Xunta de Goberno tamén acordou a contratación ata o ano 2026 do cervizo de mantemento dos sistemas de alarma anti-intrusión situados nas dependencias e edificios municipais do Concello de Santiago de Compostela cun orzamento base de licitación de 259.226,26 € (base impoñible de 214.236,58 € máis IVE do 21% de 44.989,68 €).