HomeA CoruñaA CoruñaO Festigual regresa do 5 ao 28 de novembro con teatro, música,...

O Festigual regresa do 5 ao 28 de novembro con teatro, música, danza, artes visuais e obradoiros por unha cultura inclusiva

- Anuncio -spot_img

O evento ábrese a novos espazos como a Fundación Marta Ortega, a Fundación María José Jove ou o Centro Penitenciario de Teixeiro

Novembro volve ser o mes do Festigual na Coruña, un encontro no que artistas, asociacións e público celebran a inclusión como forma de facer cidade e como sinal de identidade dunha Coruña creativa e aberta á cultura. O Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade celebrarase do 5 ao 28 de novembro, cunha programación que se espallará por unha ducia de espazos da cidade. Teatro, música, danza, artes visuais e obradoiros difuminarán as fronteiras do acceso á creación e ao consumo cultural. O Festigual, impulsado polo Concello da Coruña, celébrase dende hai 9 anos grazas ao apoio desde a súa primeira edición da Fundación María José Jove e de Vegalsa Eroski, ademais do compromiso doutras institucións como a Deputación da Coruña e as asociacións e artistas que colaboran co festival.

A presentación da novena edición do Festigual tivo lugar hoxe en María Pita participación de Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Avia Veira, deputada provincial da Coruña; María Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove e responsable do programa Cultura Accesible e Festigual; e Irasema Damaso, responsable de RSE de Vegalsa-Eroski.
“Desde o Goberno de Inés Rey temos claro que o acceso á cultura e á arte ten que ser inclusivo e estar garantido para toda a cidadanía, e por iso apoiamos iniciativas coma esta, que é xa todo un referente na cidade”, indicou Nereida Canosa. No Festigual, a inclusión non é un apartado especial, senón a forma natural de facer cultura. O seu obxectivo é garantir o acceso universal á cultura e promover a participación activa de todas as persoas na vida artística da cidade, con especial atención a quen está en situación de vulnerabilidade Cada edición incorpora espectáculos profesionais con medidas de accesibilidade, como subtítulos, intérpretes de lingua de signos ou mochilas vibratorias, e tamén propostas impulsadas por asociacións e proxectos comunitarios. O resultado é un festival pensado para todas as persoas, que demostra que a inclusión non limita, senón que multiplica as maneiras de gozar e compartir a cultura.

Na súa novena edición, o Festigual amplía horizontes e incorpora por primeira vez como sedes a Fundación María José Jove ou a Fundación Marta Ortega, que ofrecerán visitas guiadas adaptadas ás súas coleccións de arte e fotografía. As actividades chegarán tamén ao Centro Penitenciario de Teixeiro, un espazo que o festival converte nun novo escenario para dar voz a quen adoita quedar ás marxes. Alí representarase unha versión contemporánea da obra ‘Yerma’, da asociación Noite de Bohemia no seu proxecto de cultura accesible e inclusiva, que revisita a dureza da vida das mulleres a comezos do século XX e os silencios impostos pola sociedade.

A edición abrirá coa ‘Gala Música Baixo as Estrelas’, que levará ao Teatro Colón ás músicas e músicos da rúa, poñendo en valor o seu talento cotián e reivindicando o seu papel como parte esencial da banda sonora da cidade. A IX edición do Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade ofrecerá tamén espectáculos que abordan temas de plena actualidade, como o acoso escolar en ‘O pequeno poni’, de Redrum Teatro. Coa mirada posta na cativada, nas familias e na educación baseada na normalización dos valores, o festival propón pezas como ‘De tu a tu’, de Collectiu Mur, que explora a complicidade e a confianza a través do humor e das acrobacias; ou ‘De corpo a palabra’, da compañía Experimentadanza, que combina danza, poesía e música en directo para celebrar a diversidade das linguaxes artísticas.

A programación familiar complétase con ‘Podemos volar sin alas’, de Cris de Miguel, un espectáculo de monicreques e poesía que celebra a diversidade e o poder dos soños. O festival contará ademais con proxectos de cultura urbana, como o Freestyle People en Puré Free, de Poten100Mos, ou as sesións participativas de Negus DJ Inclusivo. Haberá tamén espazos de reflexión e coidado, como a Xornada de Arte e Saúde no Hospital de Oza, que reunirá profesionais para explorar os vínculos entre creación e benestar. Haberá tamén espazo para o Obradoiro de Danzaterapia XQN en familia, unha proposta interxeracional para explorar o corpo e o movemento.

As exposicións completan a programación. ‘Carreiros sen néboa’, de Nós Why Not?, é unha mostra fotográfica que rompe prexuízos sobre a discapacidade. A proposta da Sociedade Filatélica da Coruña, ‘150 aniversario da liña férrea A Coruña – Lugo’, pon o foco no patrimonio e na memoria colectiva da cidade e unha pequena mostra da actividade de inclusión que realizou a Sociedade Filatélica con motivo de ano Picasso cunhas lonas na Casa da Auga.

O cinema incorpórase este ano como nova disciplina do festival grazas á colaboración do Fórum Metropolitano, que dedicará a Sala Fernando Rey durante o mes de novembro a unha programación arredor da inclusión e a diversidade. A proposta incluirá varias proxeccións internacionais e unha selección de pezas do proxecto Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros.

Como peche, o concerto de A Banda da Loba converterá o Centro Ágora nunha gran festa final inclusiva, presentando o seu novo disco, ‘Lovismo’.

Sobre o Festigual

O Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade, promovido polo Concello a través da Fundación Emalcsa, naceu co firme propósito de romper coas barreiras físicas, sensoriais, sociais e cognitivas que limitan o acceso á cultura, ofrecendo espectáculos gratuítos que poñen no centro o talento das persoas con diversidade funcional e dos colectivos en risco de exclusión social. Moitas destas propostas xorden da convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, que cada ano impulsa proxectos artísticos comprometidos co dereito á participación cultural. Esta convocatoria pon en valor o traballo que realizan asociacións culturais da cidade en colaboración co terceiro sector local neste sentido e ao longo dos últimos 9 anos ten convertido A Coruña nun referente nacional neste ámbito.

En nove anos, o Festigual multiplicou por tres o número de participantes e por máis do dobre a asistencia de público. O que comezou como unha proposta experimental con dez entidades e un milleiro de asistentes é hoxe un festival consolidado, con decenas de profesionais implicados e miles de persoas que cada novembro fan da Coruña unha cidade máis diversa, creativa e aberta. A súa comunidade segue medrando tamén en liña, superando as 100.000 contas de audiencia acumulada nas redes sociais e as 5.000 visitas anuais á web, indicadores dun proxecto que conecta cada vez con máis xente.

O Festigual é posible grazas ao compromiso do Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, a Fundación María José Jove, a Fundación Vegalsa e a Deputación da Coruña, cuxo apoio reforza a idea de que a sostibilidade cultural só pode alcanzarse desde a colaboración público-privada.

Ao longo das súas oito edicións, Festigual consolidouse como un proxecto clave na promoción da accesibilidade cultural e a inclusión a través das artes. Dende 2017 desenvolvéronse máis de 130 actividades e espectáculos, con arredor de 800 artistas e profesionais participantes e a colaboración de máis de 120 entidades culturais e sociais.

Cifras que reflectiron unha inversión total de 500.815€. As súas propostas reuniron xa a máis de 13.000 persoas, facendo da Coruña unha cidade máis consciente e comprometida coa diversidade.

Publicacións Relacionadas