O certame celebrarase en diferentes espazos da cidade do 26 de setembro ao 4 de outubro
Con máis de 100 filmes de 17 países, Intersección 2025 converterá A Coruña nun escaparate internacional das novas linguaxes do cinema. O festival trae 17 filmes inéditos en España, incluíndo 7 estreas mundiais que o público descubrirá por primeira vez na cidade. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este mércores na presentación do certame, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro en diferentes espazos da cidade. “Desde o Goberno de Inés Rey somos conscientes de que A Coruña é unha cidade implicada co sector audiovisual e cun importantísimo legado cinematográfico, e por iso colaboramos con iniciativas que buscan achegar á cidadanía propostas moi diversas do sector a nivel mundial”, indicou Castro.
A programación destaca pola pluralidade de enfoques e polo peso das cineastas, que asinan un 57% das obras seleccionadas. Desde Finlandia ata Filipinas, pasando por Brasil, Austria, Francia ou Turquía, as películas que chegan este outono á Coruña ofrecen unha oportunidade única para descubrir miradas e sensibilidades que dificilmente atoparán espazo noutros circuítos. A programación de Intersección 2025, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Palexco.
O programa foi presentado en rolda de prensa polo director do festival, Gonzalo E. Veloso, que ademais de polo concelleiro Gonzalo Castro, estivo acompañado de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Creativas, Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Na intervención, destacouse que “Intersección converteuse nun espazo onde a creación galega dialoga cos nomes máis destacados do cinema internacional, atraendo á Coruña non só novas películas, senón tamén novos públicos e profesionais que reforzan o lugar da cidade no mapa cultural europeo”.
Internacional, Galicia e Fulgor, as seccións competitivas de Intersección, ofrecen ao público da Coruña obras que marcan o pulso das tendencias actuais do cinema contemporáneo tanto internacional como galego. É unha oportunidade de vivir o cinema dunha maneira diferente, descubrindo películas que dificilmente atoparán lugar nas plataformas ou nos circuítos comerciais.
A Sección Internacional ofrece unha viaxe polas grandes preguntas do presente a través de linguaxes radicais e inesperadas. Un mosaico de obras que cuestionan a nosa relación coa política, a tecnoloxía e a identidade que inclúen chamativos filmes rodados en formato de videoxogos -World at Stake (Total Refusal, Austria)-, retratos da desigualdade en cidades como Johannesburgo -Fear Fokol (Tuva Björk, Suecia)-, ou Bomba Bernal (Khavn, Filipinas), unha inmersión no cinema erótico filipino.
A Sección Galicia presenta unha panorámica ampla da creación audiovisual galega contemporánea, con once filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Propostas que van desde a infancia retratada en Deuses de Pedra ata a lenda medieval en Maldito Espírito, pasando pola experimentación poética de Canto rodado ou a reflexión ecolóxica de Alboroque. A sección complétase cun formato expositivo que leva estas preocupacións fóra da sala, con instalacións que abordancuestións como a relación natureza-industria, a memoria, a hibridación tecnolóxica ou a fisicidade da imaxe.
Fulgor é a sección de dedicada ás voces máis novas e ás propostas que anuncian os camiños do cinema que está por vir. Nesta edición reúne once obras que exploran a memoria, o corpo e a intimidade.
Intersección 2025 acollerá tamén a retrospectiva máis completa de Travis & Erin Wilkerson, incluíndo a estrea mundial da exposición expandida Nuclear Family: Fieldwork, inicialmente ideada para a Bienal de Venecia 2020. A Fundación Luis Seoane albergará ademais Todo o que herdamos, unha mostra comisariada por Sara Donoso que reúne unha nova xeración de artistas galegos en diálogo co traballo dos Wilkerson. A exposición poderase visitar na Fundación Luis Seoane dende o 26 de setembro ao 19 de outubro.
No ámbito profesional, o festival proxéctase como un espazo central para o sector audiovisual, reunindo cineastas, produtoras e escolas de cinema de distintos países. NEXUS, o espazo de industria do festival, consolidouse nesta edición con máis dun centenar de profesionais internacionais interesados e un total de 13 proxectos seleccionados. Estruturado en dúas liñas complementarias, Intersección Lab ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento, mentres que Foro impulsa coproducións internacionais con cineastas e produtoras vinculadas a Galicia.
Unha novidade nesta edición de Intersección será World Film School Meeting, que traerá á Coruña estudantes e docentes de escolas de cinema de distintos países para compartir proxeccións, diálogos e experiencia profesional. Con estas iniciativas, INTERSECCIÓN reafirma o seu compromiso coa proxección do talento local e abre á cidade un diálogo directo co sistema audiovisual internacional, situando A Coruña como un lugar clave para pensar e construír o cinema contemporáneo.
Sobre o festival
Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, festival calificador dos Premios Goya, conta con seccións competitivas, con programación internacional e nacional, e seccións paralelas non competitivas. Ademais, leva a cabo unha retrospectiva dedicada a un autor destacado. Fóra do propio certame, Intersección tamén expande o seu labor como axente cultural a través de diferentes actividades audiovisuais realizadas ao longo do ano.
Outro dos grandes aportes do festival ao ecosistema cultural é Nexus, o espazo dedicado á industria. Dentro de Nexus desenvólvense diferentes actividades que potencian o festival como nodo de comunicación cultural e comercial entre os distintos axentes do sector cinematográfico. En Nexus únense programas formativos e de apoio á creación, como Intersección Lab, xunto con espazos de coprodución como Foro e encontros de matchmaking, paneis, mesas redondas, etc. Así, Intersección é máis ca un lugar de exhibición: é unha plataforma que busca xerar sinerxías e tender redes entre todos os axentes do sector cinematográfico.
Participaron no festival artistas internacionais como o cineasta arxentino Teddy Williams, os estadounidenses JP Sniadecki e Kevin Jerome Everson, os portugueses Salomé Lamas e Jorge Jácome, o israelí Roee Rosen, o colectivo italiano Flatform ou a suíza Pauline Julier. Intersección – Festival Internacional de Cine da Coruña tamén dedica un espazo importante ao cine español e galego. Destacan cineastas como Dora García, Antoni Muntadas, Carme Nogueira, Irati Gorostidi, Maider Fernández Iriarte, Xacio Baño, Maddi Barber, Luis E. Parés, María Cañas ou Ángel Santos