HomeA CoruñaO fotógrafo Álvaro Lamas levará á Galería do Concello de San Sadurniño...

O fotógrafo Álvaro Lamas levará á Galería do Concello de San Sadurniño a súa colección de paisaxes “Capturando a natureza”

- Anuncio -spot_img

A mostra tomaralle o relevo á exposición de figuras “Primixenias”, de Luísa da Silva e Carme Romero, que aínda se poderá visitar até este venres

A galería do primeiro andar da Casa do Concello de San Sadurniño prepárase para acoller unha nova proposta artística da man do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas, quen presentará o día 7 de novembro a mostra de imaxes “Capturando a Natureza”. A exposición recolle instantáneas de grande poder visual captadas en distintos lugares do norte peninsular, entre eles San Sadurniño. Poderá visitarse entre o 3 e o 28 de novembro, tomando o relevo das “Primixenias” de Luisa da Silva e Carme Romero, que aínda permanecen na galería municipal ata finais desta semana.

“Capturando a Natureza” ofrece un percorrido visual polas paisaxes máis fermosas de Galicia e do norte da Península, un proxecto que reflicte a profunda conexión do autor coa natureza. Lamas, coñecido polo seu traballo en Lost in Woodlands Photography, captura a beleza e o esplendor de fervenzas, fragas e cantís, meténdonos de cheo na atmosfera máxica que lle imprime a todas as súas imaxes.

O estilo de Álvaro Lamas destaca pola viveza das cores e polas súas meditadas composicións -moitas delas captadas con lentes de un ángulo de visión moi amplo-, nas que sempre busca un elemento próximo que actúe como motivo principal do encadre. Esa maneira de construír a imaxe crea unha sensación de inmersión que convida a quen observa a entrar na escena. Ademais, o autor mostra unha querencia especial pola auga, que adoita transformarse nunha sutil gasa de seda mediante a técnica da longa exposición coñecida, precisamente, como “sedificación”.

Na exposición poderá verse unha ampla selección de imaxes tomadas en distintos puntos de Ferrolterra, o Ortegal, a Mariña Lucense, Asturias, Cantabria e Navarra, conformando un itinerario visual pola natureza máis salvaxe do noroeste peninsular. Cada fotografía é, en palabras do autor, “un intento de atopar emocións e momentos que van máis alá do rexistro fotográfico”.

A inauguración terá lugar na Galería do Concello o venres 7 de novembro ás 19:00 horas, cun faladoiro seguido dunha visita guiada polo propio fotógrafo, quen compartirá anécdotas e técnicas empregadas nas súas creacións. Una obra que, como podemos ver na súa web, non se limita unicamente ás paisaxes máxicas con grande profundidade de campo, senón que tamén abrangue o mundo da macrofotografía de fungos e cogumelos ou espectaculares tomas do firmamento. “Capturando a Natureza pode parecer un título xenérico —explica Lamas—, pero representa a esencia do meu proxecto: capturar aqueles lugares que me sorprenden pola súa beleza, maxia ou encanto”.

A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de apertura do Concello, ata o 28 de novembro. Para quen queira coñecer máis sobre o traballo de Álvaro Lamas, pódese seguir o seu proxecto en www.lostinwoodlands.com, onde tamén hai a posibilidade de mercar en liña copias impresas en distintos soportes e tamaños, ademais de anotarse nos obradoiros que organiza cada certo tempo. Lamas tamén ten presenza nas redes sociais como @lostinwoodlands (Instagram) e Lost in Woodlands Photography (Facebook).

Publicacións Relacionadas