Os Premios do Deporte Concello de Carballo nacen tamén coa intención de recoñecer a traxectoria transcendente no eido deportivo local daquelas persoas, ben sexan deportistas, técnicas ou directivas, que xa estean retiradas da actividade deportiva pero cuxo legado permanece.
Nesta primeira edición presentáronse seis candidaturas: Manuel Cantelar Varela, que foi xogador de baloncesto en cadeira de rodas durante 27 anos e fundador da Agrupación Deportiva Un Paso Máis; José Manuel Ferreiro Negreira, redactor deportivo en varios medios de comunicación locais; José Carlos Mancebo Porteiro, presidente fundador da Agrupación Deportiva Fogar da Xuventude; Mariano Muñiz Regueira, ex xogador, adestrador e delegado do Bergantiños FC; Gema Paz Bello, profesora de Educación Física no IES Alfredo Brañas durante máis de corenta anos e fundadora-presidenta da Agrupación Deportiva Xiria, e Agustín Trigo Vitureira, cunha traxectoria moi destacada no taekwondo e impulsor desta arte marcial no noso concello.
A decisión do xurado desvelarase o venres 19 na gala de entrega dos I Premios do Deporte, que se celebrará no auditorio do Pazo da Cultura ás 20.00 horas.



