Home A Coruña O goberno de Sanmartín anuncia que se presentará en 2025 á nova...

O goberno de Sanmartín anuncia que se presentará en 2025 á nova EDIL para recuperar a vitalidade e a calidade ao norte do concello

- Anuncio -

O goberno que preside Goretti Sanmartín fixou hoxe os retos para este ano cun primeiro obxectivo inmediato como é a aprobación dun novo orzamento. Asemade, no obxectivo global dunha Compostela mellor para vivir, a rexedora estableceu prioridades en vivenda, en impulsar máis equipamentos sociais e deportivos e mellores servizos e espazos públicos. Goretti Sanmartín anunciou que o Concello formulará un proxecto para a nova convocatoria dos fondos FEDER para plans de actuación integrados das entidades locais no marco do desenvolvemento urbano sustentable (coñecidas como EDIL) co fin de recuperar a vitalidade e a calidade de vida ao norte do municipio.

No almorzo informativo, que tivo lugar na Casa das Máquinas, e no que participaron todos os membros do goberno, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, avanzou que a estrutura do parque de Salgueiriños aproveitarase para promover un novo espazo para a xente moza.

Aínda que remitiu ao debate do estado do concello do 16 de xaneiro para facer balance, Goretti Sanmartín si mencionou que se avanzou na modernización do Concello, un aspecto “imprescindible para cumprir coas demandas que ten Compostela”, e indicou que seguirá avanzando neste sentido.

Entrando en materia, a rexedora indicou como obxectivo máis inmediato contar cun novo orzamento, ao respecto do cal dixo que está aberta a negociación co Grupo Socialista e sobre o que manifestou que agarda contar co apoio para sacalo adiante. Neste sentido, confirmou que o goberno está estudando os últimos intercambios de propostas co fin de aprobar canto antes o documento no Pleno.

Sanmartín defendeu que, en todo caso e co actual orzamento, continúa a programación de actividade e obras. Como obxectivo inmediato, atópase rematar o Pombal, a Plataforma Loxística, abordar as reformas de Santa Isabel e Pazo de Raxoi e impulsar os proxectos de García Lorca, Puente la Reina, Mallou ou intervencións de abastecemento e saneamento para o rural. Nesta axenda está tamén a primeira fase da rehabilitación do Estadio de San Lázaro, que conta coa colaboración económica da Deputación e para a que en breve se asinará un convenio, a licitación dun novo equipamento deportivo no barrio de Santa Marta, continuar coa mellora das instalacións deportivas.

A vivenda, como reto conxunto que debe apelar a todas as administracións, tamén será un dos asuntos que ocupará de forma prioritaria a acción deste goberno no que ten que ver coas competencias municipais. Neste sentido, están abertas varias liñas de traballo en marcha: a empresa municipal –coa rehabilitación de cinco inmobles na Caramoniña para vivenda dotacional–, completar o proceso para a declaración de zonas de mercado tensionado e facilitar iniciativas dirixidas a promover vivenda protexida. Tamén avanzou que sairán a subasta os inmobles incluidos no rexistro de Soares.

Mudar a fasquía da cidade nos vindeiros lustros

No obxectivo dunha Compostela mellor para vivir, Sanmartín encadrou o impulso de tres proxectos que van mudar a fasquía da cidade nos vindeiros lustros. Alén do conector central, o segundo ten que ver cunha abordaxe global para recuperar a vitalidade socioeconómica da zona ao norte da Cidade Histórica, polo que o concello se presentará á convocatoria de fondos FEDER para plans de actuación integrados das entidades locais no marco do desenvolvemento urbano sustentábel (coñecidas como EDIL).

O terceiro destes proxectos de transformación comezará tamén a súa andaina neste 2025 e trátase da rexeneración da zona Sur do Ensanche. “Traballaremos este ano no primeiro dos proxectos para Santiago de Chile, cun novo modelo de mobilidade e urbano, adaptado ás condicións ambientais e que afianzará a identidade do Ensanche”, enfatizou a alcaldesa, quen non obviou a recuperación do espazo do antigo Peleteiro neste marco de obxectivos.

Vinculado coa calidade urbana, Goretti Sanmartín tamén estableceu obxectivos ambientais, no que é un reto alcanzar un maior grao de satisfacción con este servizo. Ao respecto informou do seguimento exhaustivo e de que se seguirán impulsando expedientes para garantir o cumprimento das condicións contratadas.

Ademais, Goretti Sanmartín subliñou que 2025 será o ano no que a cidadanía compostelá comezará a ver a evolución do proxecto de estratexia verde Entre o Sar e o Sarela, que afecta a cinco zonas de cidade. Este proxecto vai aliñado coa estratexia de renaturalización, permeabilidade dos solos, loita contra o cambio climático e prevención das inundacións, un asunto este último no que o goberno compostelán quere procurar a achega doutras administracións para resolver problemas de acumulación de escorrentías na rotonda o Vieiro. A entrada en funcionamento da nova EDAR, pechar o modelo de xestión para o ciclo da auga e o transporte público completan o dobre obxectivo de mellores servizos e mellora de calidade ambiental.

En materia de turismo, a rexedora avanzou novidades sobre o plan de sustentabilidade e adiantou a intención de aprobar a actualización da Axenda 2030, con novas liñas estratéxicas en materia sociocultural. Neste sentido, indicou que o goberno ten o obxectivo de ampliar os equipamentos e programas para a creación e a mocidade.

Goretti Sanmartín, que lembrou tamén o plan para atender a saúde mental, informou que en relación coa poboación máis nova, a Concellaría de Capital Cultural creará unha liña de actividade cultural estable e de calidade e se mellorarán os servizos vinculados á conciliación. cun programa que dea resposta unificada ás necesidades das familias en todos os períodos non lectivos.

Tres novos equipamentos para impulsar novas políticas

Pola súa banda, a tenenta de alcaldesa, María Rozas, fixou como reto para 2025 “avanzar en tres novos equipamentos que nos permitirán impulsar novas políticas públicas centradas en tres colectivos concretos: a mocidade, as persoas máis desfavorecidas e as persoas maiores”.

No que tén que ver cos mozos e mozas, Rozas anunciou que o Goberno aproveitará a estrutura do que ía ser o parque de bombeiros de Salgueiriños para a construción “dun novo espazo de referencia para a mocidade”, unha vez decidido que o servizo de extinción de incendios estará localizado nun novo inmoble en Meixonfrío. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude apuntou que o Goberno conta xa cun anteproxecto para ese edificio, que presentaremos na próxima semana, e aspiramos a que sexa unha das actuacións financiadas con fondos europeos no marco desa nova EDIL. Rozas incidiu en que este novo equipamento “será un instrumento para impulsar políticas públicas centradas nos mozos e mozas, para o seu desenvolvemento persoal e para fomentar a súa participación na comunidade, seguindo a liña de traballo que xa iniciamos neste último ano desde a concellaría de Xuventude”.

Por outra banda, a tenenta de alcaldesa avanzou que este ano estará operativo o Centro de Atención Integral ás persoas sen fogar de Belvís, que recupera os usos orixinais para o que foi concibido. A concelleira explicou que, desta maneira, poderemos implantar en Santiago o modelo housing first, que é o que mellor garante a integración das persoas en situación de senfogarismo e o mellor complemento para as liñas de acción actuais neste ámbito como o SEMUS ou os programas de acollida en pisos municipais e pensións, en colaboración con diferentes entidades sociais.

En terceiro lugar, María Rozas explicou que nos próximos meses sairán a licitación as obras do Centro de Maiores e Centro Sociocultural do Ensanche, un equipamento moi agardado, que será compartido polas Concellarías de Dereitos e Servizos Sociais e Centros Socioculturais, e que “nos permitirá impulsar actividades interxeracionais e de fomento do envellecemento activo”.

Un Santiago máis social e unha nova mobilidade

A tenenta de alcaldesa apuntou que “estes novos equipamentos definen as nosas prioridades”, e danlle continuidade á aposta polo social que fixemos en 2024, unha aposta traducida en melloras concretas relativas ao Servizo de Axuda no Fogar, o incremento das bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares, o reforzo do Centro Xove da Almáciga, ou a sinatura do Pacto polo Emprego. Rozas explicou que estes avances “motivan que fagamos un balance positivo do ano pasado”, no que tamén tivemos logros no eido da mobilidade coa aprobación do PMUS, da nova Ordenanza de Circulación e da Zona de Baixas Emisións; ou coa creación da nova liña de bus ao aeroporto.

A concelleira asumiu que “quedan ainda moitos retos pendentes, para os que fomos sentando as bases en 2024”, como son a licitación do novo contrato de autobuses, a creación de máis licenzas de taxis tal e como lle temos solicitado á Xunta de Galicia, ou a xestión directa do aparcamento da Praza de Galicia.

Diálogo e memoria

Goretti Sanmartín fixo, na súa intervención, un compromiso co diálogo institucional e defendeu que manterá e potenciará a relación coas outras institucións.

Este ano tamén será ocasión para avanzar na Compostela orgullosa de si, de maneira que o goberno compostelán será tamén motor no Ano Castelao e no ano do Día das Artes Galegas a Isaac Díaz Pardo e seguir impulsando tamén a memoria das mulleres.

Tamén será 2025 un ano especial para a veciñanza de Conxo, que conmemora o centenario da súa integración no concello de Compostela. E non pechou sen renovar o compromiso do obxectivo común de erradicar a violencia machista e pular pola igualdade, diversidade e a xustiza social.

Relacionadas

O Concello de Ribeira aproba por unanimidade o POS+ para o financiamento de gastos...

0
Hoxe celebrouse o primeiro pleno do ano 2025 nunha sesión extraordinaria na que se debateu para a súa posterior votación a participación no Plan...

Paderne consolida a súa Feira GastroLexítimo co apoio permanente da Deputación da Coruña

0
 A entidade provincial contará cun espazo propio no evento para promocionar os produtos locais, segundo acordaron esta mañá o equipo de goberno de...

O alcalde reúnese coa nova xunta directiva de AXOBER para abordar  temas clave do emprego e...

0
José Manuel López Varela agradeceulles a iniciativa e manifestou o compromiso do Concello coa creación do entorno favorable para fomentar a actividade empresarial. O alcalde...

O Concello destina 54.641 euros para reforzar a área de Servizos Sociais

0
• Hoxe, venres 10 de xaneiro, aprobouse en pleno a proposta para o Plan Único Adicional da Deputación dá Coruña. O Concello de Miño aprobou...

Retiran a partir do luns o tellado de uralita con amianto da Casa da...

0
O Concello informa de que o inmoble permanecerá pechado en tanto se realicen as tarefas de desamiantado O Concello de Neda informa do arranque efectivo...

Alternativa logra a mellora da sede electrónica do Concello de Culleredo

0
O novo portal simplifica e facilita os trámites da veciñanza O pasado día 1 de xaneiro comezou a estar operativa a nova sede electrónica do...

Publicacións Relacionadas