Os traballos, que encaran a fase final do desenvolvemento, permitirán mellorar a drenaxe da auga e garantir unha maior seguridade para peóns e vehículos
A actuación supón un investimento de preto de 180.000 euros, financiados con cargo ao POS+2024
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, desprazouse esta mañá a Buios para comprobar o avance das obras de mellora da rede de pluviais e pavimentos que se están a executar nesta zona. Na visita estivo acompañada pola concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, e polo primeiro tenente de alcaldesa e edil de urbanismo, Manuel Polo.
Estas actuacións buscan resolver as deficiencias de drenaxe que se viñan rexistrando, así como mellorar a seguridade viaria. As obras inclúen a renovación completa da capa de rodaxe, a ampliación da sección de paso en varios puntos e a instalación de novos sumidoiros para facilitar a recollida e evacuación da auga de chuvia.
Durante a visita, a alcaldesa, Sandra Permuy, amosou a súa satisfacción “por ver como esta intervención, que era unha prioridade para o goberno local, avanza segundo o previsto”. “As melloras que se están a desenvolver van contribuír a que Buios sexa un lugar máis seguro, accesíbel e cómodo para a veciñanza”, concluíu a Permuy.
Pola súa banda, a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, destacou “o esforzo técnico que supón unha actuación desta envergadura, na que se combinan melloras de pavimento e de rede de pluviais para dar unha solución integral duradeira no tempo”.
O tenente de alcaldesa, Manuel Polo, lembrou que “esta obra responde a unha demanda histórica da veciñanza da zona, e permitirá reducir notablemente os problemas de apozamento de auga e deterioro do firme que se viñan producindo en épocas de chuvia”.
As obras foron adxudicadas por 179.740,26 euros e contan con financiamento do Plan Único de Concellos (POS+ 2024) da Deputación da Coruña. Coa súa execución, o Concello de Fene continúa a súa aposta pola modernización das infraestruturas viarias e polo reforzo da seguridade no conxunto das parroquias do municipio.