Culminaría a tramitación urbanística previa á expropiación dos terreos e permitiría avanzar na creación dunha nova praza pública con aparcamento e na mellora das conexións viarias.
O Pleno abordará este xoves a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións do entorno da igrexa parroquial de San Martiño de Lestón, un trámite clave que permitirá completar ese procedemento urbanístico.
A proposta que se somete á consideración da Corporación municipal supón o paso definitivo para facer realidade unha actuación estratéxica para a parroquia, tanto pola mellora dos equipamentos públicos como pola reorganización da mobilidade nun dos seus principais puntos de encontro. Unha vez acadada a aprobación definitiva, o Concello estaría en disposición de iniciar o procedemento de expropiación dos terreos incluídos no ámbito do plan, cunha superficie total de 3.015 metros cadrados.
O proxecto contempla a creación dun novo espazo multifuncional xunto á igrexa de Lestón que combina os usos de praza pública e de zona de estacionamento cunha capacidade aproximada para sesenta turismos e autobuses. Inclúe a mellora da accesibilidade peonil cara o adro e o cemiterio, así como a optimización das conexións viarias enlazando as estradas que conflúen nese lugar e reforzando as comunicacións coa AC-552.
Desde o punto de vista urbanístico e paisaxístico, a actuación prevé a integración do novo espazo mediante solucións como pavimentos permeables, franxas vexetais de transición e a renovación da iluminación pública, contribuíndo a unha mellor adaptación no entorno e a un uso máis sostible do solo.
O Goberno local subliña a relevancia desta intervención, chamada a ser unha mellora substancial na calidade dos servizos e das infraestruturas dispoñibles para a veciñanza de Lestón, reforzando tanto a funcionalidade como a seguridade dun espazo central na vida social da parroquia.
Cabe sinalar que os orzamentos municipais de 2026 inclúen xa unha partida destinada á adquisición dos terreos afectados, mentres que a redacción tanto dos proxectos de expropiación como de urbanización xa están adxudicadas, o que permitirá avanzar con axilidade unha vez se aprobe con carácter definitivo o Plan especial.



