Permitiría reducir o importe nun 10 %, o que se aplicaría no recibo do segundo semestre do ano.
O Goberno local proporá no Pleno ordinario que se celebrará este xoves a aprobación dunha interpretación da ordenanza fiscal 3.4 reguladora da taxa pola recollida de lixo co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso ás reducións e bonificacións previstas xa no actual ano 2026.
A finais de 2025 aprobárase a modificación desa ordenanza. Fixérase por imperativo legal ante a necesidade de adaptar a normativa municipal á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, de ámbito estatal, que entrou en vigor en 2024 e que obriga a que as taxas cubran a totalidade do custo real do servizo. Isto implicou unha actualización das tarifas, pero ao mesmo tempo tamén se incluíron medidas de carácter social e ambiental para que a veciñanza puidese reducir o importe do recibo nun 10 % mediante a participación activa en programas municipais dirixidos a protexer o medio ambiente coa correcta separación dos residuos, como son o emprego do contedor marrón (Ti tes a chave nos núcleos urbanos e na urbanización Monte Claro) e a compostaxe doméstica nas vivendas rurais.
A iniciativa que se elevará ao Pleno deste xoves establece que, de maneira excepcional para o exercicio en curso, o prazo de presentación de solicitudes para acollerse ás reducións da taxa e ás bonificacións por familia numerosa se amplíe ata o 1 de xuño. Deste xeito preténdese ofrecer máis tempo ás persoas que desexen beneficiarse destas medidas para tramitar a súa solicitude. A proposta recolle que serán aplicadas integramente no recibo correspondente ao segundo semestre de 2026 polo equivalente ao conxunto do exercicio anual, xa que non foi posible a súa aplicación no primeiro semestre. A vixencia sería durante dous anos, polo que, de aprobarse, serán aplicables tamén a 2027, sempre que non se modifiquen as circunstancias que dan dereito a elas.
A ampliación do prazo e a clarificación da aplicación das bonificacións permitirán que un maior número de fogares poida beneficiarse destes incentivos, ao tempo que se promove a implicación da veciñanza na redución e correcta xestión dos residuos. O obxectivo final é avanzar cara a un modelo máis sostible no que a diminución do lixo xerado teña tamén un reflexo directo no menor importe do recibo que pagan os cidadáns.
Despois do acordo plenario, no caso de que así se produza, o Concello informará sobre os trámites que deben realizar as persoas que desexen beneficiarse destas bonificacións e reducións na taxa da recollida de lixo.
Bonificación ICIO
O Pleno tamén se pronunciará o xoves sobre a proposta para conceder unha bonificación do 95% no imposto municipal de construcións, instalacións e obras (ICIO) ao proxecto de construción dunha nave industrial no ámbito do parque empresarial promovido pola firma larachesa Rodríguez Amado, dedicada ao sector da fontanería en construción e ás obras hidráulicas. Este incentivo fiscal está contemplado no artigo 6 da ordenanza fiscal número 17 ao tratarse de actuacións de especial interese por concorrer circunstancias de fomento do emprego.



