· O Concello xestionará máis de 700.000 euros provinciais para reforzar servizos públicos, financiar gasto corrente e acometer obras.
· O pleno celebrarase o vindeiro xoves, 29 de xaneiro.
O goberno local de Bergondo levará ao pleno do próximo xoves 29 de xaneiro tres asuntos vinculados ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación da Coruña (POS+), correspondentes ao exercicio 2026 e aos seus distintos programas adicionais.
Por unha banda, o pleno deberá ratificar a participación do Concello no POS+ Adicional 1/2026 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. A través deste programa, a Deputación asigna ao municipio unha achega de 66.338,55 euros que se destinará integramente a gastos correntes de carácter social durante o ano 2026. Estes fondos permitirán reforzar a atención ás necesidades sociais do municipio, complementando unha previsión global de gasto social que supera o millón de euros e que se financia maioritariamente con recursos propios e outras achegas públicas.
Así mesmo, o pleno abordará a participación do Concello no POS+ Adicional 3/2026, destinado á redución de débeda municipal coa Deputación derivada do uso de préstamos provinciais en plans anteriores. Neste caso, Bergondo conta cunha asignación de 99.507,83 euros, que, ao non ter ningunha débeda co organismo provincial, aplicarase ao financiamiento de gastos correntes asociados a servizos públicos, en concreto ao servizo de iluminación pública.
Finalmente, someterase a aprobación a participación do Concello de Bergondo no POS+ 2026 na súa modalidade basee, que configura o principal plan provincial de investimentos locais. A asignación total para Bergondo ascende a 563.877,68 euros, sumando as achegas provinciais correspondentes a 2026 e 2025. Estes fondos permitirán financiar dúas actuacións de gran relevancia para o municipio: por unha banda, o proxecto de humanización, mellora da seguridade viaria e accesibilidade do viario da Praia de Gandarío, cun investimento total de 514.998,87 euros, dos que o ente provincial achegará 273.646 euros; e por outro, o proxecto de pavimentación con aglomerado asfáltico, rega asfáltico, saburra e formigón en distintas vías do termo municipal, cun orzamento de 490.189,56 euros, dos cales 290.231 serán de financiamento provincial. Ademais, aprobarase o plan complementario de investimentos financeiramente sostibles para 2026, que inclúe a execución de novas beirarrúas na AC-214, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+220 e 0+454, en Guísamo.



