Lage Tuñas: “O contrato é a proba do compromiso deste goberno que regulariza este servizo que levaba sen contrato desde xaneiro de 2019 e sen unha solución que lle dese un marco estable. Agora por fin se resolve o problema das bibliotecas e acábase coa interinidade”
A Xunta de Goberno local autorizou esta mañá licitar o novo contrato para a prestación de servizos bibliotecarios á Rede de Bibliotecas Municipais por un importe de 2,6 millóns de euros e un prazo de dous anos, prorrogable por un ano máis, até un máximo de tres.
O novo contrato, que lles afecta a 65 persoas traballadoras que serán subrogadas pola nova empresa, inclúe a xestión dos cinco espazos (Ágora, Fórum, Sagrada Familia, Rosales, Infantil e Xuvenil e punto de servizo bibliotecario do centro cívico de Mesoiro), un servizo de apoio técnico e operativo que estará situado no edificio municipal de Salvador de Madariaga coa finalidade de facilitar o labor das traballadoras e dos traballadores, e a posta en marcha dunha biblioteca dixital audiovisual que lles permitirá as persoas usuarias veren desde calquera soporte informático (tabletas, móbiles, TV, ordenadores…) películas, música e publicacións de carácter periódico sen necesidade de as descargaren.
O novo contrato recolle un incremento de 244.000 euros en relación co anterior de 2017 e, como novidade, inclúe a cubrición do período de vacacións, polo que a atención ao público non se verá afectada como até o de agora. Ademais, unifícanse as categorías de auxiliar técnica/o de bibliotecas e incorpórase o servizo de prestación de servizos bibliotecarios situado en Mesoiro.
O edil de Economía, José Manuel Lage, resaltou que era imprescindible contratar xa o servizo, que leva funcionando de xeito irregular desde o ano 2019, cando finalizou o contrato anterior tras non ser prorrogado. Segundo o voceiro do Goberno local, o novo contrato suporá unha mellora na unificación da rede e tamén unha aposta pola modernización do servizo, coa creación dunha biblioteca dixital acorde cos tempos actuais. “O contrato é unha proba do compromiso deste goberno, que regulariza un servizo que levaba sen contrato desde xaneiro de 2019 e sen unha solución que lle dese un marco estable. Agora por fin se resolve o problema das bibliotecas e acábase coa interinidade”, explicou o edil.
As bibliotecas tiveron contrato do ano 2012 até o 2016. Até o ano 2018, o anterior executivo Marea mantívoas sen contrato. No 2018 sacou un concurso por un ano prorrogable un ano máis. O 1 de xaneiro do 2019, a Marea decidiu non prorrogar o contrato. En lugar diso, sacou un negociado de urxencia para manter o servizo temporalmente porque pretendían pór en marcha un novo modelo de xestión, que o TACGAL anulou o 26 de xuño do 2019 sen que se implantar ningún modelo novo de xestión.
Cada biblioteca contará cunha persoa que asumirá as funcións de dirección da biblioteca. Ademais, constituirase un equipo de apoio técnico e operativo que coordinará as diferentes áreas técnicas: comunicación interna, procesos de traballo e xestión da documentación, comunicación externa, formación externa, aprendizaxe e formación, xestión da colección, promoción da lectura e actividades de visibilidade, e que lles prestará soporte a todos os servizos da rede. Este servizo contará tamén cunha persoa con responsabilidades de dirección. A súa directora ou director encargarase, ao mesmo tempo, da dirección do punto de préstamo bibliotecario situado en Mesoiro.
O servizo técnico prestará soporte nas seguintes áreas: ferramentas tecnolóxicas promoción da lectura, formación e aprendizaxe, xestión da documentación, comunicación interna e externa, sempre seguindo as liñas establecidas polo Concello.