Home A Coruña O Goberno municipal presentará os Orzamentos do 2025 antes do fin de...

O Goberno municipal presentará os Orzamentos do 2025 antes do fin de xaneiro

- Anuncio -

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que as contas previstas de cara a este exercicio “terán un contido eminentemente social e estarán deseñadas para afondar no crecemento da Coruña”

Entre os retos deste ano están a creación de máis vivenda pública, a posta en marcha das obras de remodelación dos Cantóns e Alfonso Molina, un novo pulo ás actuacións nos barrios e os primeiros pasos cara o Mundial 2030

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Goberno municipal presentará os orzamentos deste ano 2025 antes de finais deste mes de xaneiro.
Así o expuxo a rexedora esta mañá na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, apuntando que as contas de cara a este exercicio “terán un contido eminentemente social e estaran deseñadas para afondar no crecemento da Coruña, con melloras en todos en cada un dos barrios da cidade, recollendo tamén os compromisos adquiridos en diversas intervencións interadministrativas, desde o Novo CHUAC á estación intermodal”.
Rey confirmou, ademais, que os orzamentos municipais incluirán os recursos necesarios para facer fronte a investimentos, servizos e convenios nominativos, ademais de permitir abordar “retos fundamentais para o futuro da cidade.
A rexedora enumerou tamén algúns dos grandes retos do Concello para este ano, como a posta en marcha da AESIA, a adecuación do estadio municipal de Riazor e da propia cidade para acoller o Mundial 2030 ou a definición do proxecto Coruña Marítima”.
A creación de vivenda pública, unha prioridade
A alcaldesa avanzou hoxe que nos vindeiros días arrincarán as obras de construción dun novo edificio no barrio de Xuxán que estará destinado a alugueiro social. Estará situado na parcela Z-37, unha superficie de titularidade municipal na que se habilitarán medio cento de vivendas. Os
Nota de Prensa
traballos, que acometerá a empresa Citanias, teñen un prazo de execución de 24 meses. O investimento previsto polo Concello é de 10,2 millóns, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total.
Ao medio cento de vivendas municipais previstas en Xuxán sumarase unha bolsa de case un milleiro de VPO en Visma, onde continúan as obras de urbanización en Visma.
“Ademais, este ano avanzaremos na regulación do mercado, tanto a través da ordenanza das vivendas turísticas como a través da solicitude á Xunta de declaración de mercado tensionado”, explicou Rey.
2025: O ano da remodelación dos Cantóns e Alfonso Molina
A alcaldesa apuntou que, entre os principais retos deste ano na cidade, estarán as remodelacións dos Cantóns e da avenida Alfonso Molina.
A primeira das intervencións, que supón a fase cero do plan de integración da fachada marítima na paisaxe da cidade, comezará nestes primeiros meses de 2025, coas obras xa adxudicadas á UTE integrada polas empresas Abeconsa e Canarga. O investimento do Concello será superior aos seis millóns de euros.
Ademais, tamén nos vindeiros meses xa serán visibles as obras sobre a estrada de Alfonso Molina, unha actuación na que o Ministerio de Transportes e o Concello colaboran de forma conxunta co obxectivo de ampliar a avenida, “modernizando, actualizando e adaptando unha das principais portas de acceso do tráfico rodado á cidade”, apuntou Inés Rey.
A Sagrada Familia, protagonista no plan de impulso aos barrios previsto este ano
Na súa comparecencia desta mañá, a alcaldesa tamén subliñou que os investimentos nos barrios da cidade serán clave nos orzamentos municipais. Á conclusión das obras de renovación do mercado de Monte Alto, previstas no terceiro trimestre deste ano, súmanse máis dunha ducia de actuacións cofinanciadas con fondos Next Generation que se están levando a cabo en puntos como a Agra do Orzán, o Castrillón, a Falperra, Os Mallos, Elviña, Barrio das Flores e tamén Monte Alto, entre outros distritos.
Nota de Prensa
“A todas elas sumarase tamén a humanización do primeiro treito da rúa Sagrada Familia, que pasará a formar parte da Rolda Peonil en dirección á Agra do Orzán”, explicou Rey, que lembrou que esta iniciativa dá continuidade a outras xa executadas no pasado mandato en rúas como Alcalde Marchesi e Ramón Cabanillas.
BiciCoruña afrontará este ano a súa segunda fase de expansión
Noutra orde de asuntos, o Concello reforzará este ano a aposta pola mobilidade sostible, co impulso da segunda fase de expansión de BiciCoruña.
“Hai uns días informamos sobre o balance anual correspondente ao 2024, que amosou, unha vez máis, que a renovación do servizo que completamos hai ano e medio foi un éxito e que, exercicio tras exercicio, seguimos a bater récords de usos. No 2024 foron máis de 1,3 millóns”, lembrou a alcaldesa, que apuntou, en todo caso, “á importancia de ir máis alá dos números e planificar a medio e longo prazo, para atender ás necesidades das persoas usuarias”.
“Hai demanda de máis bases tanto nos barrios como en enclaves específicos onde o número de usos é mais elevado. Así o reflicten os datos que recollemos en puntos do centro da cidade e na Casa da Auga, por exemplo. Tamén sabemos que hai demanda de máis bicicletas, especialmente de unidades eléctricas. Pouco a pouco, iremos ampliando a frota existente e tamén o número de bases, que como informamos meses atrás, prevemos ir incrementando progresivamente das 49 actuais ata un total de 85”, explicou esta mañá.
O ano de impulso á AESIA e a Cidade das TIC
Inés Rey tamén subliñou que, no ano 2025, A Coruña asistirá ao despegue definitivo da cidade en materia de innovación. “Á posta en marcha da AESIA, que neste exercicio xa estará a pleno rendemento, sumaremos o pulo que, pouco a pouco, estár a experimentar a Cidade das TIC, onde estamos a avanzar na súa consolidación cun investimento de máis de 3 millóns de euros e a próxima constitución da súa sociedade xestora”, indicou.
O Mundial 2030: Un reto que vai máis alá de Riazor
Por outra banda, a alcaldesa destacou que o 2025 “será o ano de comezar a dar resposta ás futuras necesidades da cidade con vistas ao Mundial 2030”.
Nota de Prensa
“Sabemos que o punto de mira das coruñesas e coruñeses estará posto na futura renovación do estadio municipal de Riazor. E é lóxico que así sexa porque é un dos nosos emblemas como cidade, mais a rehabilitación e ampliación do seu aforo só é unha parte dun plan de actuacións moito máis amplo, porque o Mundial será unha grande oportunidade para modernizar as nosas infraestruturas e medios de transporte, tamén para dar un pulo á nosa economía e, en definitiva, avanzar na modernización da Coruña. Paso a paso, tanto neste exercicio como nos seguintes, iremos afrontando estes retos no seu conxunto, cunha perspectiva a medio e longo prazo pensando na cidade que queremos de cara ao futuro”, razoou.
Licenza para substituír a fachada do edificio da Axencia Tributaria, no Orzán
Noutra orde de asuntos, a alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, a primeira que se convoca neste novo ano e na que, como asunto máis destacado, se deu luz verde á concesión de licenza á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) para a substitución da fachada do edificio que alberga as instalacións da súa delegación especial na Coruña, entre a rúa Comandante Fontanes e a avenida Pedro Barrié de la Maza.
A concesión de licenza, validada previamente pola comisión asesora do PEPRI en virtude do proxecto presentado pola AEAT, supón o paso previo ao inicio das obras sobre a propia fachada, que comezará coa retirada do material actual, de gres porcelánico, e tamén da súa capa illante. En troques da fachada actual, a AEAT prevé colocar un illamento térmico a base de lá de rocha, de 60 milímetros de grosor, sobre o que habilitará a nova fachada ventilada, feita de paneis de composite de aluminio, de cor gris clara mate e satinada.
Os informes técnicos do proxecto apuntan á necesidade de executar estes traballos, atendendo á corrosión progresiva sufrida pola fachada do edificio, que pola súa localización, especialmente na cara que dá a Pedro Barrié de la Maza, que por estar fronte ao paseo marítimo está máis exposta ás inclemencias meteorolóxicas e ao impacto da salinidade mariña. Neste sentido, a nova solución presentada pola AEAT tenta darlle unha maior estabilidade e seguridade á fachada.
Unha vez aprobada a concesión de licenza, a Axencia Estatal de Administración Tributaria terá un prazo de seis meses para iniciar as obras de mellora, e vinte meses para o prazo de execución. O orzamento para concretar os traballos é de máis de catro millóns de euros.
Nota de Prensa
No mes de decembro, case medio cento de licenzas concedidas
A este respecto, a Xunta de Goberno Local fixo balance hoxe das licenzas concedidas pola Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda entre os días 6 e 29 de decembro. Foron un total de 45, case medio cento. Entre elas, a que permitirá substituír o refrixerador da cuberta do edificio do Teatro Rosalía de Castro, contribuíndo así á progresiva renovación das instalacións nun dos principais emblemas culturais e históricos da cidade.
Ademais, neste mesmo período computáronse 94 obras en réxime de comunicado.

Relacionadas

Figuras como Shostakóvich e Chaikovsky, protagonistas do primeiro concerto da Banda Municipal neste ano...

0
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir á actuación, que será de acceso libre ata completar a capacidade...

O Concello aproba a nova ordenanza dos centros municipais de empresas, que dará máis...

0
Este xoves, o pleno deulle luz verde á aprobación inicial ao texto da nova ordenanza, coa que se lles incrementa o número de anos...

Miño acollerá o 13 de xaneiro unha nova sesión de ‘A Administración preto de...

0
• Será ás 11 horas no auditorio do Centro Social da Rúa. • Os asistentes poderán obter o certificado dixital ou a Cl@ve no momento,...

Neda estenderá a colocación de anclaxes para suxeitar e protexer os seus colectores de...

0
O Concello de Neda ten previsto instalar suxeita contedores de residuos en novos puntos do municipio. Busca deste xeito impedir que os colectores acaben...

Canzobre releva ao (seu) mestre, Manuel Carballeira, na galería do Concello de San Sadurniño

0
O venres será o último día en que poderemos visitar as dúas exposicións artísticas que ilustraron o Nadal de San Sadurniño. No recibidor Casa...

O partido do Breogán – Leyma Coruña do domingo non se poderá emitir no...

0
O Concello, en coordinación co club, ofreceu de xeito gratuíto as instalacións para que a afición puidera ver o encontro, mais flinalmente o partido...

Publicacións Relacionadas