HomeA CoruñaO Grupo de Goberno de Frades asistirá este sábado á concentración pola...

O Grupo de Goberno de Frades asistirá este sábado á concentración pola mellora da atención primaria no municipio

- Anuncio -spot_img

Terá lugar este sábado 25 de outubro, ás 12:00 horas, diante do centro de saúde de Ponte Carreira

O Grupo de Goberno do Concello de Frades, encabezado polo alcalde Roberto Rey Martínez, asistirá a concentración pola mellora da atención primaria no municipio convocada para este sábado 25 de outubro, ás 12:00 horas, diante do centro de saúde de Ponte Carreira. Roberto Rey explica que “nós seguiremos apoiando calquera reclamación de máis e mellores servizos para os nosos veciños e veciñas de Frades, especialmente todo aquilo que supoña seguir avanzando nunha mellor atención sanitaria para a veciñanza”.

Neste sentido, sinala que “o Concello é coñecedor do malestar existente coa atención que se presta. Semanalmente recibimos queixas por incumprimentos de horario, cambio de citas concertadas ou atrasos á hora de prestar consulta ou expedir receitas, certificados ou informes solicitados. Estas queixas xa foron trasladadas varias veces á Xerencia de Santiago, así como ao responsable de zona, pero é cando nos din que non constan reclamacións dos pacientes neste sentido. Nós seguiremos trasladando todas e cada unha das queixas que nos dean os veciños, pero animamos aos pacientes a facer uso das canles establecidas polo SERGAS para que cheguen directamente aos servizos encargados de xestionar as queixas. En caso de non ter claro o procedemento para efectuar estas reclamacións, poden acudir ao Concello onde se lle prestará toda a axuda necesaria”.

Melloras conseguidas na atención e en instalacións

Polo demais, Roberto Rey considera que a situación da atención sanitaria en Frades experimentou unha importante mellora nos últimos meses, froito das intensas e continuas negociacións do Concello con responsables da Consellería de Sanidade. Por un lado, o alcalde lembra que, dentro das súas competencias, o “Concello e Consellería vimos de investir case 50.000 euros na mellora do centro de saúde de Ponte Carreira e do consultorio de Abellá para garantir que as instalacións sanitarias cumpran todos os requisitos necesarios para que o persoal sanitario poida desenvolver o seu labor en condicións óptimas”.

E, por outro lado, en canto á atención do persoal facultativo, o alcalde indica que “a acción do Grupo de Goberno conseguiu poñer fin aos problemas que se viñan producindo nos últimos anos polas baixas da titular do consultorio de Abellá. Unhas baixas que agora son substituídas sempre por outro facultativo, cumprindo deste xeito o compromiso cos veciños de que se trataría de evitar a rotación de médicos, xa que os pacientes de Abellá sempre son tratados polo mesmo doutor substituto”.

Roberto Rey agarda poder axudar a solucionar este tipo de problemas dos que se están a queixar os veciños e veciñas de maneira reiterada, principalmente con respecto á atención que se presta no Centro de Saúde de Ponte Carreira, e recorda que o Concello non ten ningún tipo de competencia sobre o persoal do devandito centro, pero seguirá insistindo ante os responsables do SERGAS e da Consellería para mellorar a atención sanitaria en Frades. “Nesa liña, o noso compromiso será sempre o de apoio e acompañamento aos veciños e veciñas que acudan á concentración de protesta convocada para o sábado, cumprindo coa nosa labor como representantes de Frades”, sinala.

Publicacións Relacionadas