Demandará información sobre os seus custos totais de execución, equipamento e funcionamento.
O Grupo Municipal Popular de Oleiros anunciou que presentará no próximo Pleno unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local para coñecer con detalle o custo real do novo edificio multiusos que se está finalizando en Bastiagueiro, así como o impacto económico que supoñerá a súa posta en funcionamento para as arcas municipais.
Desde o Grupo Municipal Popular sinalan que “os veciños teñen dereito a saber canto vai custar realmente esta infraestrutura, non só na súa fase de construción, senón tamén ano tras ano”, e advirten de que “tan importante como executar unha obra é garantir que o seu mantemento non se converta nunha carga estrutural para o orzamento municipal”.
A iniciativa do grupo popular centrarase en esclarecer o orzamento basee de licitación, o custo final previsto de execución e as posibles modificacións de contrato aprobadas durante a obra, así como o importe total dos modificados e as desviacións económicas que se puideron producir.
Ademais, o Grupo Municipal Popular solicitará información detallada sobre o modelo de financiamento do proxecto, incluíndo a existencia de subvencións autonómicas, estatais ou europeas, ou se se recorreu a endebedamento, e cal é o impacto real deste investimento na estabilidade orzamentaria do Concello.
Pero máis aló do custo de construción, os populares poñerán o foco no gasto anual que supoñerá o funcionamento do multiusos de Bastiagueiro. Neste sentido, preguntarán pola estimación de custos en persoal, limpeza, seguridade, subministracións eléctricas e de climatización, mantemento ordinario e especializado, seguros e programación de actividades, así como pola existencia dun estudo económico-financeiro que avale a viabilidade do proxecto a medio e longo prazo.
O Grupo Municipal Popular tamén pedirá aclaracións sobre o modelo de xestión —directa ou externalizada—, a previsión de ingresos por taxas ou prezos públicos e se o edificio xerará equilibrio económico ou, pola contra, un déficit estrutural que deba ser cuberto con recursos municipais.
“As infraestruturas públicas deben responder a unha planificación seria e sostible. Non se trata só de inaugurar edificios, senón de garantir que se poden manter sen comprometer outras necesidades do municipio”, sinalan desde o grupo popular.
Por iso, o Grupo Municipal Popular insiste en que o seu obxectivo non é cuestionar a utilidade dos equipamentos, senón esixir transparencia, rigor e responsabilidade na xestión dos recursos públicos, especialmente en proxectos de elevado investimento que condicionarán o orzamento municipal de Oleiros durante os próximos anos.



