Marta Abal alertou de que a nova licitación dos centros socioculturais supón un retroceso na inclusión laboral, falta de concreción nas horas de animación e monitorado, e un risco de perda de calidade nas actividades TIC, a pesar do incremento do 32 % no orzamento.
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025. O Grupo Municipal Socialista expresou a súa preocupación pola nova licitación dos servizos das redes de Centros Socioculturais do Concello, iniciativa do Goberno local da señora Sanmartín. A concelleira socialista Marta Abal denunciou que esta medida supón un paso atrás en varias áreas clave para a cidade.
“Dende o Grupo Municipal Socialista queremos denunciar a involución social e a perda de calidade que supón a nova licitación dos servicios das redes de Centros Socioculturais do Concello”, afirmou Abal. A concelleira subliñou especialmente a eliminación da reserva do lote de información e atención ao público para Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social, medida promovida polo Goberno Socialista da pasada lexislatura. “É un paso atrás na inclusión laboral das persoas con discapacidade, xa que a contratación pública estable e plurianual é a mellor ferramenta das administracións públicas para facela real”, engadiu.
Abal tamén criticou a falta de concreción en aspectos fundamentais para garantir a calidade do servizo: “Votamos en falta a concreción das horas de animación e monitorado por centro, con cotas específicas para o rural, en función da demanda existente para garantir o equilibrio territorial, así como a falta de especialización das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías, o que sen dúbida vai afectar a súa calidade”.
A concelleira resumiu o seu diagnóstico sobre a licitación: “A nova licitación de Compostela aberta é do Bloque Nacionalista Galego. É gastar por gastar. Sen reserva social que garanta a integración laboral das persoas con discapacidade, sen especialización e sen equidade territorial”.
Ademais, dende o grupo municipal socialista sinalan que o novo contrato da rede de centros socioculturais incrementa o orzamento de licitación en case 700.000 euros, un 32 % máis que o anterior, pero sen que este aumento veña acompañado de melloras acreditadas en calidade, cobertura ou indicadores de impacto, polo que gastar máis non implica gastar mellor. Tamén advertiu sobre o risco que supón a subcontratación das actividades vinculadas ás novas tecnoloxías, xa que pode dificultar o control da calidade e reducir a especialización das persoas que imparten estas actividades.
O Grupo Socialista defende que a contratación pública debe orientarse á inclusión, á calidade dos servizos e ao equilibrio territorial, principios que, ao seu xuízo, non se ven garantidos nesta licitación.